20/07/2012.

Entidades sociales y profesionales reclaman el compromiso de los tres grupos parlamentarios para preservar la atención social

RP_cermi_eapn_cots_peque.jpg

As entidades membro do CERMI Galicia, EAPN-Galicia e o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), reclamaron hoxe en rolda de prensa, que se manteñan os servizos no eido social galego e se evite o desmantelamento que neste ámbito suporía a aplicación dos recortes aprobados polo goberno central. Para isto, reclaman o compromiso explícito das Administracións Públicas, e os grupos parlamentarios no mantemento de prestacións e servizos sociais no ámbito galego.

Tanto entidades como profesionais, coinciden na necesidade de defender o futuro das persoas máis vulnerables ante o progresivo retroceso do sistema de servizos sociais e expresan a súa preocupación ante as consecuencias que carrexará o Real Decreto ao deixar sen cobertura os servizos que se veñen prestando a un gran número de persoas con discapacidade e a colectivos en risco de pobreza e exclusión. Igualmente reclaman que esta revisión da Lei, se faga mediante consenso político e social, tal e como se fixo na súa aprobación para que todas as persoas usuarias poidan ser escoitadas a través dos seus representantes.

Nese sentido, a presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), Juana Mª Tubío Ordóñez, destacou que os recortes no Plan Concertado supoñen que os Servizos Sociais deixarán de dispoñer de 4,6 de cada 10 euros para que, por exemplo, as súas redes de servizos sociais municipais, que implican servizos básicos como a axuda a domicilio e outros proxectos sociais dean respostas ás necesidades da cidadanía. O que pode implicar ademais o despedimento de persoal técnico responsable dos mesmos. Estas partidas orzamentarias financian tamén comedores sociais, centros de día, residencias para persoas maiores, pisos tutelados, albergues para persoas sen fogar ou centros de acollida…. En definitiva, o Plan Concertado é unha das ferramentas para manter os servizos sociais en xeral,  a atención básica ás persoas con dificultades ou necesidades especiais.

No relativo ás medidas en materia de Dependencia, tanto entidades como profesionais, manifestaron a súa desaprobación polo acordo de ampliar a dous anos o prazo das Comunidades Autónomas, para dar as axudas de dependencia sen atender á retroactividade. Deste xeito, conxelarase a entrada de novas persoas en situación de dependencia e moitas destas persoas poden chegar a falecer antes de ter acceso ás axudas.


Pola súa banda, o presidente do CERMI-Galicia, Anxo Queiruga, manifestou a preocupación dos colectivos de persoas con discapacidade en canto ao feito de que parte dos servizos que estas reciben pasarán a financiarse a través da Carteira de Dependencia. Isto supón, que todas as persoas que non sexan dependentes severos,  quedarán sen cobertura nos servizos de apoio que precisan – como é o caso de persoas con discapacidade mental, discapacidade intelectual, autismo, síndrome de Down, enfermidade mental, persoas con dano cerebral adquirido e persoas con discapacidade visual e auditiva-.

CERMI-Galicia tamén destacou que este Decreto Lei supón un inaceptable retroceso nas políticas de promoción da autonomía persoal e un varapao para as políticas activas de emprego para este colectivo, o que significa unha precarización de facto do seu futuro e unha vulneración dos dereitos recollidos na Convención de Dereitos de Persoas con Discapacidade da ONU –ratificada polo Estado Español o ano 2010-.

Finalmente, Xosé Cuns, Vicepresidente de EAPN-Galicia puxo o énfase na recomendación do Consello da Unión Europea sobre o programa nacional de reformas de 2012 de España,  que insta ao goberno central a tomar medidas específicas para combater a pobreza, aumentando a eficacia do apoio á infancia e mellorando a empregabilidade dos grupos vulnerables. Segundo datos de AROPE –índice europeo de medición do nivel de pobreza- en Galicia contabilizáronse no ano 2011 un total de 6848.975 persoas en risco de pobreza, das cales 111.305 sofren privación material severa, o que a sitúa por riba da media nacional cun 4,1% de poboación afectada. No ámbito da infancia, a quinta parte dos menores de 17 anos galegos viven nun fogar con escasos recursos.    

Compartir contenido