SENSIBILIZACIÓN

Cangas acolle a exposición Disorders

DATA: 28 febreiro 2020 - 27 marzo 2020

HORA: 11:00 - 13:00

LUGAR: Cangas

PREZO: Gratuito

A sala de exposicións da asociación ADICAM (Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico) acolle, do 28 de febreiro ao 27 de marzo, a mostra Disorders, unha exposición de pintura e ilustracións realizadas por persoas con problemas de saúde mental procedentes de distintos lugares de Galicia. Poderá visitarse de xeito gratuíto de luns a venres de 11h a 13h e, polas tardes, os luns e martes de 17h a 19h.

Ademais, o venres 28 de febreiro haberá un acto de presentación da exposición, ao cal poderá asistir calquera persoa que estea interesada. Será ás 12h na Casa da Bola (Rúa Valentín Losada, nº1, 1º). Nel intervirán representantes de Saúde Mental FEAFES Galicia, así como algún dos artistas participantes na mostra pertencentes á asociación DOA Saúde Mental.

Fear of Missing Out é un proxecto impulsado por Carlos Morales que pretende dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa partindo dun disco como proposta inicial. Durante a súa posta en marcha, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multicisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo.

A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o cal Carlos Morales contactou con Saúde Mental FEAFES Galicia. Deste xeito, catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións membro realizaron un total de 14 cadros: Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo).

As obras ilustran as cancións do disco Disorders, cada unha das cales está inspirada nun problema de saúde mental contado desde a propia experiencia dos autores. Deste xeito, os cadros ilustran doenzas como a depresión, a esquizofrenia ou trastorno bipolar, entre outros. Están realizados en diversos soportes e utilizando técnicas variadas, desde óleo sobre lenzo ata bolígrafo sobre papel, incluíndo outras técnicas como acuarela, rotulador ou lapis.
 

Compartir contido

MÁIS INFORMACIÓN

900 102 661

Teléfono de atención ao usuario.
Podes chamar para recibir máis información ou para apuntarte.