SENSIBILIZACIÓN

Concerto Disorders pola saúde mental (Mos)

DATA: 26 outubro 2019

HORA: 20:30

LUGAR: Sala Rebullón

PREZO: Gratuito

Aproveitando o mes de outubro, no que se conmemora o Día Mundial da Saúde Mental, Carlos Morales está a realizar unha serie de concertos gratuítos por distintas salas de Galicia nos que interpretará as cancións do seu disco Disorders, unha proposta de metal progresivo/ambiental no que os temas están compostos e ilustrados por persoas con problemas de saúde mental.

O primeiro directo de Disorders tivo lugar o domingo 6 ás 19:00 na sala Capitol, en Santiago de Compostela. Os concertos posteriores terán lugar o venres 18 de outubro ás 20:30 no Playa Club de A Coruña e o sábado 26 de outubro ás 20:30 na Sala Rebullón en Mos.

“Disordes é moito máis que un disco: é un proxecto colaborativo arredor da saúde mental”, indica Carlos Morales. Cada unha das cancións que compoñen o disco está inspirada nun trastorno mental, un tema tabú que esta proposta pretende sacar á luz con normalidade, respecto, empatía e agarimo. 

Carlos Morales contactou con xente de todo o mundo que conviviu con algún trastorno mental, ben en primeira persoa ou ben na pel de alguén próximo. Deste xeito, plasmaron a súa experiencia en letras que falan sen rodeos sobre depresión, esquizofrenia ou o trastorno  bipolar, entre outros. 

Ademais do concerto, a sala acollerá tamén unha exposición dos cadros orixinais que ilustran as cancións no libreto do disco, os cales están realizados por persoas usuarias de distintas asociacións galegas de saúde mental. Igualmente, antes do concerto haberá unha pequena charla-coloquio na que se desmontarán algúns mitos relacionados coa saúde mental, onde participará a Facultade de Psicoloxía da USC e Saúde Mental FEAFES Galicia.

Podes saber máis sobre o proxecto Fear of Missing Out aquí.
Podes escoitar as cancións do disco Disorders aquí


Compartir contido

MÁIS INFORMACIÓN

900 102 661

Teléfono de atención ao usuario.
Podes chamar para recibir máis información ou para apuntarte.