OCIO E DEPORTES

I Encontro Deporte e Saúde FEAFES

DATA: 17 xuño 2019

HORA: 11:00 - 15:00

LUGAR: A Barcala

PREZO:

O vindeiro luns 17 de xuño, a Escola de Tenis Marineda acollerá nas súas instalacións en A Barcala (Cambre) o “I Encontro Deporte e Saúde FEAFES” organizado pola citada escola en colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia. Neste encontro, que se desenvolverá ao longo da mañá de 11h a 15h, participarán arredor de 75 persoas con problemas de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.

O encontro, cun marcado carácter lúdico e de convivencia, incluirá actividades de tenis, pádel, fútbol e baloncesto. Divididos en grupos de 15-20 persoas, os participantes irán rotando polas catro estacións nas que os monitores realizarán clases prácticas ou xogos relacionados con cada deporte. 

Deste xeito, os asistentes poderán ter un primeiro contacto coas disciplinas deportivas do tenis e o pádel, dirixidas por monitores da Escola de Tenis Marineda, e outras alternativas máis lúdicas nas estacións de fútbol e baloncesto, deportes tradicionalmente máis coñecidos.

As persoas que participarán nesta actividade pertencen a diversas asociacións federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: Albores (Monforte), Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón), APEM (A Coruña, Culleredo, Betanzos, Carballo, Cee e Vimianzo), Andaina (Dodro e Ordes), Saúde Mental FEAFES Galicia (A Coruña), A Creba (Noia e Ribeira), Avelaíña (A Guarda e Ponteareas) e Morea (O Barco de Valdeorras). 

O obxectivo deste encontro é promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. Ademais, esta actividade permite aos seus participantes romper coa rutina, relacionarse con outras persoas e socializar, mellorando así o seu autoestima e benestar.

Tras a xornada deportiva, realizarase unha foto de grupo e, posteriormente, os participantes gozarán dunha comida de convivencia na Escola de Tenis Marineda.


Compartir contido

MÁIS INFORMACIÓN

900 102 661

Teléfono de atención ao usuario.
Podes chamar para recibir máis información ou para apuntarte.