OCIO E DEPORTES

Proxecto Enki pola integración

DATA: 4 xuño 2017

HORA: 11:00

LUGAR: Santiago de Compostela

PREZO: 7€ / 5€

O proxecto Enki é unha iniciativa da Fundación Abrente que organiza unha serie de eventos deportivos e sociais relacionados coa loita pola inclusión das persoas con algún tipo de diversidade funcional.

Estes actos lúdico-deportivos están abertos a todos os públicos e teñen o claro obxectivo de promover tanto a inclusión das persoas con diversidade funcional nas actividades que organice a comunidade, como dar maior difusión aos diferentes colectivos que representan.

A este propósito, o 4 de xuño celebrarase en Santiago de Compostela unha Carreira pola Integración que comezará ás 11:00 na Praza do Obradoiro. Consistirá nunha carreira de obstáculos na cal haberá que superar montañas de pneumáticos, labirintos de gomas, bólas xigantes, guerras de cores, unha piscina de escuma ou un percorrido a cegas. 

A idea desta carreira é sensibilizar acerca dos obstáculos que afrontan as persoas con discapacidade no seu día a día e convidar a toda a cidadanía a sortealos nesta divertida actividade. A inscrición ten un custo de 7€ de carácter xeral e 5€ para membros das asociacións participantes. A recadación será destinada aos colectivos que loitan por e para a defensa das persoas con diversidade funcional e a súa integración a través da práctica de actividades deportivas.

Paralelamente á carreira, haberá unha Feira da Solidariedade con varias casetas de diferentes entidades sociais que conforman o proxecto Enki, nas cales se dará a coñecer o seu traballo, os colectivos aos que representan e o labor que realizan diariamente. A Feira da Solidariedade estará aberta de 11:00 a 14:00h e nela estarán presentes FEAFES Galicia, A Creba, Andaina e Fonte da Virxe, que porán á venda produtos artesanais elaborados nos seus talleres.


Compartir contido

MÁIS INFORMACIÓN

900 102 661

Teléfono de atención ao usuario.
Podes chamar para recibir máis información ou para apuntarte.