SENSIBILIZACIÓN

Santiago acolle a exposición Disorders

DATA: 2 - 16 setembro 2019

HORA: 08:30 - 14:30

LUGAR: Biblioteca Ánxel Casal

PREZO: Gratuito

A Biblioteca Pública Ánxel Casal acollerá, do 2 ao 16 de setembro, a mostra Disorders, unha exposición de pintura e ilustracións realizadas por persoas con problemas de saúde mental procedentes de distintos lugares de Galicia. Poderá visitarse en horario de mañá de 08:30 a 14:30.

Fear of Missing Out é un proxecto impulsado por Carlos Morales que pretende dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa partindo dun disco como proposta inicial. Durante a súa posta en marcha, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multicisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo.

A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o cal Carlos Morales contactou con Saúde Mental FEAFES Galicia. Deste xeito, catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións membro realizaron un total de 14 cadros: Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo).

As obras ilustran as cancións do disco Disorders, cada unha das cales está inspirada nun problema de saúde mental contado desde a propia experiencia dos autores. Deste xeito, os cadros ilustran doenzas como a depresión, a esquizofrenia ou trastorno bipolar, entre outros. Están realizados en diversos soportes e utilizando técnicas variadas, desde óleo sobre lenzo ata bolígrafo sobre papel, incluíndo outras técnicas como acuarela, rotulador ou lapis.

A exposición foi presentada o pasado mes de xuño en Cervo, sendo Compostela o seu segundo destino. Durante os próximos meses, está previsto que a mostra visite tamén as cidades de A Coruña, Vigo e Cangas do Morrazo.


Compartir contido

MÁIS INFORMACIÓN

900 102 661

Teléfono de atención ao usuario.
Podes chamar para recibir máis información ou para apuntarte.