SENSIBILIZACIÓN

XIII Encontro de Participación e Loita contra a Pobreza

DATA: 26-28 xuño 2019

LUGAR: Santiago de Compostela

PREZO:

Santiago de Compostela acolle os próximos 26, 27 e 28 de xuño o XIII Encuentro de Participación ‘Lucha contra la Pobreza, la Exclusión Social y la Desigualdad en el marco de los ODS’, que organizan EAPN Galicia e EAPN España (Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social).

Este Encontro, no que participarán máis de 200 persoas de toda España, entre as que se inclúen as de 16 entidades galegas membro de EAPN-Galicia, ten como obxectivo crear un espazo para contribuír ó empoderamento das persoas en risco de pobreza e/ou exclusión, apoiando as súas capacidades para coñecer, comprender, defender e reclamar os dereitos que lles son recoñecidos.

Tamén servirá para reivindicar a necesidade do desenvolvemento da Estratexia Nacional de Prevención e Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social 2019 – 2023, coas persoas ás que debería beneficiar directamente a propia Estratexia.

Durante o evento tamén se fará entrega dos #PremiosEAPN, en recoñecemento a diferentes experiencias innovadoras, modelos de participación en entidades sociais e persoas con ampla traxectoria no ámbito da participación. Un destes premios será para a galega-dominicana Yosehanna Ledesma pola súa traxectoria individual. A Fundación Secretariado Xitano será premiada polo seu rol de facilitadora do cambio social e á Unidade Móbil de Rescate (APRAMP) pola súa experiencia transformadora.

Campaña contra a Aporofobia co referente do Parlamento de Galicia

O Encontro tamén servirá para o lanzamento da campaña estatal ‘ContrAporofobia’, que pretende visibilizar as problemáticas que plantexan os estereotipos, os prexuízos e a discriminación das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión social. As propias persoas afectadas por este discurso serán as protagonistas e activistas da mesma.

O acto de presentación será o 28 de xuño as 9:30 no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e terá como referencia a Declaración institucional contra o odio e a intolerancia as persoas en pobreza ou exclusión que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade. O propio presidente do Parlamento, Miguel Santalices, será o encargado de presentala.

Implicación política e institucional

EAPN leva unha longa traxectoria na celebración de Encontros, Seminarios e Congresos de Participación, tanto a nivel Europeo como Estatal ou en Galicia, traballando para que as persoas en situación ou risco de exclusión social sexan as protagonistas de aquelo que lles afecta.

Como parte deste proceso de dialogo é imprescindible a participación de responsables institucionais. Neste senso, ademais da xa citada presenza do presidente do Parlamento, é destacable a implicación da Xunta de Galicia, comezando polo seu presidente Alberto Nuñez Feijoo que participará no acto institucional o 27 de xuño as 17h, ou da Conselleira de Política Social. Pero tamén de altos responsables do Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social.

O desenvolvemento do evento poderase seguir a través de Twitter coa etiqueta #participasocial19


Compartir contido

MÁIS INFORMACIÓN

900 102 661

Teléfono de atención ao usuario.
Podes chamar para recibir máis información ou para apuntarte.