OCIO E DEPORTES

XIII campionato de balompé “Todos polo fútbol”

DATA: 29 xuño 2019

HORA: 10:00

LUGAR: Santiago de Compostela

PREZO:

Saúde Mental FEAFES Galicia celebra o sábado 29 de xuño o XIII campionato de balompé “Todos polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán oito equipos de asociacións de saúde mental de toda a comunidade autónoma. 

O torneo terá lugar no Pavillón de Fontiñas, en Santiago de Compostela, a partir das 10:00 da mañá. Disputaranse diversos partidos ao longo de toda a xornada que culminarán coa final, que terá lugar ás 16:30 da tarde. Os equipos participantes pertencen a entidades federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), FEAFES (Lugo, Santiago e Vigo), Lar (Vilagarcía), Lenda (Redondela) e Morea (O Barco). 

Ademais desta copa, no encontro celebrarase tamén a final da liga de Saúde Mental FEAFES Galicia que comezou no mes de marzo. Nela enfrontaranse os equipos Lenda de Redondela e Alba de Pontevedra. Finalmente, ás 17:15 realizarase a entrega de premios aos campións de liga e de copa, do mesmo xeito que se entregará unha medalla a cada participante.

Saúde Mental FEAFES Galicia estima que a este evento acudirán arredor de 100 persoas entre participantes e acompañantes, pois trátase dunha actividade que conta cunha gran acollida e interese por parte das asociacións de saúde mental. 

As actividades de ocio e deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores.


Compartir contido

MÁIS INFORMACIÓN

900 102 661

Teléfono de atención ao usuario.
Podes chamar para recibir máis información ou para apuntarte.