20 anos de compromiso
e esforzo

FEAFES Galicia nace en 1995 como foro de encontro, debate, reflexión e acción para avanzar na normalización da enfermidade mental en Galicia.
Hai décadas, a atención asistencial ás persoas con enfermidade mental recaía maioritariamente nos seus familiares máis próximos, mentres que os casos máis extremos remataban internados en hospitais psiquiátricos onde o tratamento e a atención eran moi inaxeitados.

Na década dos 80, xurdiu un movemento social favorable á reforma psiquiátrica que culminou coa aprobación da Lei Xeral de Sanidade en 1986, unha norma que pretendía acabar coa exclusión que sufriran ata entón as persoas con enfermidade mental.

É neste contexto cando xorde o movemento asociativo de saúde mental, nacendo as primeiras asociacións galegas na Coruña (1980) e en Vigo (1987). Nos anos noventa xeneralízase o movemento por toda a comunidade e xorden, paulatinamente, o resto de asociacións.

Como punto decisivo deste proceso, en 1995 créase FEAFES Galicia, que nace como foro de encontro, debate, reflexión e acción para avanzar no proceso de normalización da enfermidade mental na nosa comunidade.