Que facer

Aínda que nalgún momento da nosa vida todos experimentamos sentimentos de tristura, ansiedade, insomnio, etc., estes síntomas soamente se consideran un trastorno mental cando provocan un comportamento social desaxustado, causan un importante malestar subxectivo e son persistentes no tempo.

A manifestación da enfermidade é diferente en cada unha das persoas, aínda que poden darse unha serie de problemas comúns como anomalías na forma de transmitiros sentimentos, complicacións á hora de comunicarse co seu ámbito (usando palabras novas, tatexando ou alterando a orde das palabras nunha frase), cambios na conduta ou anomalías na forma de pensar e na conciencia da realidade.

A enfermidade mental é crónica cando a persoa que a sofre encontra dificultades para realizar unha vida totalmente independente. En xeral, fálase de enfermidade mental crónica cando a persoa recibe un diagnóstico psiquiátrico grave, cando o problema é de longa duración e cando a persoa ten problemas para funcionar de forma adecuada no seu ámbito.

Ante os primeiros indicios de que unha persoa poida ter unha enfermidade mental, os equipos de Atención Primaria son o servizo sanitario máis accesible, próximo e coñecedor da situación da persoa. O médico de cabeceira é a porta de entrada ao sistema sanitario e é o lugar onde deben acudir en primeiro lugar as persoas con enfermidade mental e os seus familiares.

É necesario destacar que soamente os médicos poden facer un diagnóstico dunha enfermidade mental. Unha vez que o profesional ditaminou a existencia dunha enfermidade mental, o paciente e os seus achegados deben saber que hoxe en día existe unha oportunidade real de recuperación para moitos casos de trastorno psiquiátrico.

As enfermidades mentais poden curarse ou controlarse cun tratamento axeitado. Estes poden ser distintos segundo o tipo de enfermidade e adóitanse deseñar intervencións personalizadas para cada caso. Frecuentemente combínase o tratamento farmacolóxico con medidas de rehabilitación sociolaboral, psicoterapias e apoio familiar.

Cando a enfermidade mental está controlada, a persoa que a padece pode integrarse na comunidade e levar unha vida totalmente normalizada, ter a súa rede social, familiar, o seu emprego, etc. Non hai que esquecer que todos temos os mesmos dereitos, aínda que frecuentemente os prexuízos que lamentablemente aínda existen na sociedade limitan as persoas con problemas de saúde mental a gozar e exercer todos os seus dereitos de forma plena.

Un entorno familiar e social axeitado é moi importante na recuperación dunha persoa con enfermidade mental. O papel da familia e dos achegados é esencial, posto que a experiencia vivida e a proximidade coa persoa con enfermidade mental poden achegar moito apoio ao tratamento. Para iso é moi importante que tamén a familia e os coidadores reciban axuda, asesoramento e información por parte dos profesionais e os servizos sanitarios e sociais.