Que é

Para a Organización Mundial da Saúde (OMS), a saúde mental defínese como "un estado de benestar no cal o individuo é consciente das súas propias capacidades, pode afrontar as tensións normais da vida, pode traballar de forma produtiva e frutífera e é capaz de facer unha contribución á súa comunidade".

Para a Organización Mundial da Saúde (OMS), a saúde mental defínese como "un estado de benestar no cal o individuo é consciente das súas propias capacidades, pode afrontar as tensións normais da vida, pode traballar de forma produtiva e frutífera e é capaz de facer unha contribución á súa comunidade".

A importancia da saúde mental destácase tamén na definición de saúde que figura na propia Constitución daOMS: "A saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades".

Para coidar a nosa saúde mental, debemos atender:

  • Os hábitos de alimentación: para previr problemas de saúde física e mental, o ideal é ter unha dieta equilibrada.
  • O autocoidado: é dicir, poñer atención á hixiene persoal, a vestimenta, etc.
  • O estilo de vida: debemos potenciar os ritmos tranquilos, gozar das cousas importantes da vida e do tempo de ocio, evitar o estrés e os excesos, fuxir do sedentarismo, etc.
  • O consumo de tóxicos: é importante reducir ou evitar o consumo de substancias tóxicas, tanto legais coma ilegais, para axudar a previr a aparición de enfermidades mentais.

É fundamental entender a enfermidade mental como unha parte da nosa vida e unha circunstancia máis da persoa, e non como un elemento que anula o resto das nosas capacidades.

O trastorno mental é unha alteración de tipo emocional, cognitivo e/ou do comportamento no que quedan afectados procesos psicolóxicos básicos como a emoción, a motivación, a cognición, a conciencia, a conduta, a percepción, a aprendizaxe e a linguaxe, o cal dificulta a adaptación da persoa ao ámbito cultural e social no que vive e crea algunha forma de malestar subxectivo.

É importante saber que as enfermidades mentais poden tratarse para lograr a recuperación ou permitir que a persoa que a padece poida ter unha mellor calidade de vida.

O trastorno mental responde moi poucas veces a modelos simples do tipo causa - efecto. As causas das enfermidades mentais son probablemente múltiples, e nalgúns casos son descoñecidas.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas presenta un trastorno mental ao longo da súa vida. Aínda que poida haber persoas con máis predisposición xenética que outras a telo, os factores ambientais poden afectar de forma determinante na aparición de trastornos mentais, polo que todos estamos expostos a iso.

En Galicia, hai cerca de 30.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, sendo esta a segunda causa de discapacidade despois da física. Estes datos, recollidos no censo da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia 2015, revelan que se trata un problema cunha amplísima repercusión, tanto nas persoas con enfermidade mental como nos seus familiares.

En España, entre o 2,5 e o 3% da poboación adulta ten unha enfermidade mental grave, o cal supón máis dun millón de persoas. Calcúlase que a esquizofrenia afecta a preto do 0,7% da poboación española e o trastorno bipolar ao 0,5%, segundo a Estratexia en Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde (2007). Máis da metade das persoas con enfermidade mental que necesitan tratamento non o reciben, e unha porcentaxe significativa non recibe o axeitado. Ademais, as familias asumen a maior parte dos coidados das persoas con enfermidade mental, pois o 88% da atención a este colectivo realízana coidadores informais.

No mundo, a Organización Mundial da Saúde estima que o 25% da poboación sufrirá algún trastorno mental ao longo da súa vida. Actualmente, 450 millóns de persoas en todo o mundo vense afectadas por unha enfermidade mental que dificulta considerablemente a súa vida ("Saúde mental: Afrontando os desafíos, construindo solucións". Copenhague: OMS, 2005). Por outra parte, o 38,2% dos europeos, que representa a 164,8 millóns de persoas, sofre algún tipo de trastorno mental.