Servizos das asociacións

Ademáis dos servizos ofrecidos pola Federación, algunhas asociacións contan cunha carteira de servizos máis ampla. 

Se queres saber cal é a asociación máis próxima á túa casa, pica aquí
As asociacións de FEAFES Galicia proporcionan apoio e asesoramento ás persoas con trastorno mental e aos seus familiares coa fin de atender as necesidades e solicitudes particulares de cada quen. Ademais, contan con actividades específicas para apoiar aos familiares e coidadores para axudalos a manexar a situación derivada da enfermidade dun xeito axeitado.

Os centros de rehabilitación psicosocial e laboral prestan unha atención diúrna, global e multidisciplinar ás persoas con enfermidade mental crónica. Estes centros teñen como obxectivo manter á persoa con enfermidade mental no seu ámbito, promovendo e apoiando a súa integración psicosocial, para que desenvolva unha maior autonomía e independencia. Neles realízanse actividades como adestramento en habilidades sociais, actividades da vida diaria, ocio, psicoeducación, prevención das recaídas, actividade prelaboral, terapia ocupacional, etc. Actualmente, todas as asociacións de FEAFES Galicia dispoñen de CRPL nas localidades nas que traballan.

Ademais, as asociacións de FEAFES Galicia dispoñen de centros ocupacionais, un servizo social que pretende lograr, dentro das posibilidades de cada persoa, a superación dos obstáculos que a enfermidade mental lles supón para a integración social e laboral. Nestes centros realízase terapia ocupacional e actividades para elaborar produtos ou servizos baixo a orientación de persoal técnico, co obxectivo de lograr a futura integración destas persoas nunha empresa ou un centro especial de emprego. Actualmente temos centros ocupacionais en Narón, Santiago, Noia e Redondela.

Para as persoas con enfermidade mental que non teñen posibilidade de convivir cos seus familiares ou de xeito independente, existen tres alternativas de vivenda protexida: os pisos tutelados, as minirresidencias e as residencias. En calquera dos tres casos, os usuarios están atendidos por persoal especializado.

Actualmente, contamos con pisos tutelados en Cambre, Carballo, Cee, A Coruña, Narón, Santiago, Noia, Lugo, Burela, Monforte, Ourense, Pontevedra, Vigo e A Guarda. Por outra parte, temos unidades residenciais en Cee, Cervo, Ourense e Vilagarcía.

As asociacións de FEAFES Galicia contan cun servizo de atención a domicilio para que a persoa con enfermidade mental poida conseguir a maior independencia e autonomía posible permanecendo no seu entorno máis próximo. Tamén se intervén cos familiares para reforzar a súa labor educativa e terapéutica, dotándoos de estratexias coas que afrontar posibles situacións conflitivas.

Os Centros Especiais de Emprego nacen como unha fórmula de emprego para persoas con discapacidade. Neste caso, son empresas onde as persoas con enfermidade mental teñen un posto de traballo produtivo e remunerado, axeitado ás súas características persoais e que facilitan a súa integración laboral no mercado ordinario de traballo. Actualmente temos Centros Especiais de Emprego en Cambre e en Noia.

As actividades de ocio e tempo libre programadas polas asociacións de FEAFES Galicia para as persoas con enfermidade mental permítenlles romper coa rutina diaria, realizar actividade física dende unha perspectiva lúdica e integrarse na sociedade dun xeito normalizado. Á súa vez, estas actividades facilitan un momento de respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.

A través de distintas actividades, as asociacións de FEAFES Galicia dan a coñecer a realidade sobre os trastornos mentais e ofrecen unha imaxe positiva das persoas que as padecen. A participación en eventos de diversa índole, a exposición de produtos, a sensibilización en institutos a través da campaña Mentalízate ou a difusión actividades a través dos medios de comunicación permiten sensibilizar á sociedade sobre esta realidade.