Servizos da federación

En FEAFES Galicia esforzámonos para ofrecer aos nosos usuarios e familiares o asesoramento e os recursos que poidan precisar en diversos eidos. Para iso, contamos cunha serie de servizos gratuítos.
FEAFES Galicia proporciona ás persoas con enfermidade mental e aos seus familiares información e asesoramento sobre saúde mental, recursos e servizos que lles poidan resultar de utilidade. Os nosos profesionais ofrecen atención individualizada e personalizada.

Dispoñemos dun servizo gratuíto de asesoramento xurídico para orientar sobre asuntos legais relacionados coa enfermidade mental: pensións, herdanzas, incapacitacións, problemas penais, laborais, etcétera.

Así mesmo, ofrecemos atención temperá a familiares de persoas con enfermidade mental de diagnóstico recente co obxectivo é facilitarlles o manexo das dificultades derivadas da nova situación familiar a través de asesoramento, formación sobre enfermidade mental, información sobre recursos e apoio emocional.

FEAFES Galicia tamén presta atención a reclusos con enfermidade mental a través do Protocolo de Atención Integral ao Enfermo Mental (PAIEM), que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos internos de terceiro grao con enfermidade mental, aumentando a súa autonomía persoal, a súa adaptación ao ámbito e potenciando as súas capacidades.

A atención á exclusión complétase co Proxecto Inclusión Social: Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental, que conta con dúas liñas de traballo: o apoio e acompañamento a persoas con trastornos mentais sen fogar, e o desenvolvemento de habilidades sociais e prelaborais para persoas con enfermidade mental.

En FEAFES Galicia ofrecemos información, asesoramento e apoio á inserción laboral traballando como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia. Para iso, contamos co Observatorio de Emprego para Persoas con Enfermidade Mental (OEDEM), que ten como misión facilitar a inserción laboral a través de accións de información, orientación, formación, intermediación laboral coas empresas e apoio para a consecución e o mantemento do posto de traballo.

Cabe destacar que FEAFES Galicia conta coa certificación de Axencia de Colocación nº 1200000022 outorgada polo Servizo Público de Emprego. Neste eido, realizamos intermediación laboral e promovemos as oportunidades e capacidades do colectivo para lograr a inserción de persoas desempregadas con enfermidade mental.

As actividades para o disfrute do tempo libre organizadas por FEAFES Galicia permiten mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias. Os participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física formulada dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permite un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.

Ao longo do ano, o Servizo de Ocio e Deportes organiza estancias nunha casa vacacional, viaxes, actividades culturais e programas deportivos. Ademáis, FEAFES Galicia conta con grupos de ocio que realizan actividades lúdicas en distintas localidades galegas.

A loita contra o estigma e os prexuízos existentes sobre as enfermidades mentais segue sendo un reto pendente da sociedade actual, polo que FEAFES Galicia trata de difundir unha imaxe positiva do colectivo entre a cidadanía. Para iso estamos en contacto cos medios de comunicación, elaboramos publicacións, material divulgativo, campañas de sensibilización e difundimos as nosas mensaxes a través das redes sociais. A través do programa Mentalízate, por exemplo, cada ano realizamos sensibilización sobre saúde mental a centos de mozos e mozas nos institutos galegos.

Ademais, FEAFES Galicia conta cun Comité de Persoas con Enfermidade Mental formado por usuarios da entidade que ten como obxectivo dar voz propia ás persoas que padecen trastornos mentais e facelos partícipes das decisións da Federación. O Comité permite crear un marco de diálogo e debate enfocado á consecución de acordos concretos e que funciona como órgano asesor da Xunta Directiva, ademais de actuar como voceiros ante os medios de comunicación e a cidadanía xeral.

FEAFES Galicia está formada por 14 asociacións con centros e servizos en 30 localidades da comunidade autónoma. A Federación é o punto de encontro que as agrupa a todas e tamén o organismo que lles facilita información e apoio técnico.

A misión de FEAFES Galicia inclúe a representación das asociacións que integran a federación galega. Coa unión do movemento asociativo, temos máis forza á hora de facer chegar as nosas peticións ás diferentes institucións e loitar pola mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental. Ademais, esta unión fainos máis visibles para difundir a nosa mensaxe entre a sociedade.