29/03/2016.

20 persoas fórmanse como mozos de almacén

A partir do mes de abril, un total de 20 persoas con dificultade de acceso ó emprego e atendidas polo Programa Incorpora, recibirán formación específica para capacitarse como operarios de almacén e aumentar así as súas posibilidades de inserción laboral.

O curso, que conta cun total de 300 horas lectivas, está xestionado por FEAFES Galicia e desenvolverase en Santiago de Compostela entre o 4 de abril e o 5 de xullo do 2016. O seu obxectivo é capacitar aos alumnos para desempeñar tarefas profesionais no ámbito da loxística comercial e a xestión do transporte, podendo deste modo traballar en empresas do devandito sector como operarios de almacén.

Ao longo deste tempo, os alumnos aprenderán a realizar as operacións necesarias para a almacenaxe, manipulación e desprazamento de mercadorías utilizando os medios técnicos e os instrumentos correspondentes. Do mesmo modo, capacitaranse para a preparación e mantemento dos equipos, aplicando a normativa correspondente á lexislación sobre a prevención de riscos e saúde laboral.

A formación teórica será complementada con 80 horas de prácticas non laborais en empresas colaboradoras, onde os alumnos poderán poñer en práctica as facultades adquiridas e coñecer de primeira man o funcionamento das empresas do sector.

Punto de Formación Incorpora

A través deste proxecto, a Obra Social "la Caixa" ten como finalidade a integración sociolaboral das persoas que son atendidas polo Programa Incorpora, buscando a súa capacitación para que estean máis preparadas á hora de inserirse no mundo laboral. Para iso, realízanse Puntos de Formación que pretenden mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas.

Trátase dunha formación de calidade que non inclúe só os contidos técnicos, senón que tamén forma á persoa dende un punto de vista integral proporcionándolle as ferramentas necesarias para superar outros obstáculos que poidan afectar á súa empregabilidade.

Deste modo, os Puntos de Formación Incorpora traballan sobre catro eixes básicos: encaixar a formación á demanda empresarial, empoderar ao usuario, facilitar prácticas non laborais en empresas ordinarias e traballar en rede con outras entidades.




Compartir contido