10/10/2020.

10 de outubro: Día Mundial da Saúde Mental

A pandemia provocada pola COVID-19 sacou á luz, con maior forza que nunca, a fraxilidade da atención á saúde mental no noso sistema e a necesidade de prestarlle atención de urxencia. Un informe sobre políticas acerca da COVID-19 e a saúde mental, publicado polas Nacións Unidas o pasado mes de maio, revela que a pandemia puxo de manifesto “a necesidade de aumentar urxentemente o investimento en servizos de saúde mental se o mundo non quere arriscarse a que se produza un aumento drástico dos trastornos psíquicos”.

Se a isto engádeselle que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), unha de cada catro persoas no mundo tivo, ten ou terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida, e que os trastornos mentais serán a primeira causa de discapacidade a nivel mundial no ano 2030, o escenario da saúde mental preséntase bastante desolador se non se poñen en marcha as solucións e as medidas necesarias.

Por iso, e con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora o 10 de outubro, a Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, á que pertence Saúde Mental FEAFES Galicia, baixo o lema “Saúde mental e benestar, unha prioridade global”, fai visible a necesidade dun maior investimento en recursos para atender a saúde mental e reclama que estes investimentos sexan unha prioridade para as administracións públicas a todos os niveis. 

Contar con máis recursos humanos e materiais é unha reivindicación histórica do movemento asociativo de saúde mental, a cal tórnase máis urxente que nunca no actual contexto de crise sanitaria, económica e social. As entidades de saúde mental advirten que veñen tempos difíciles nos que deberemos enfrontarnos a situacións adversas como o desemprego ou os desafiuzamentos, o cal pode afectar á saúde mental da poboación xerando problemas desta índole ou agravando os xa existentes.

Un dos principais problemas da saúde mental en España é a precariedade de recursos dentro do ámbito sociosanitario público, que agora, coa pandemia da COVID-19, fíxose máis visible que nunca.  Por exemplo, segundo o Consello Xeral de Psicoloxía, España ten catro veces menos profesionais da Psicoloxía na sanidade pública que a media europea. Igualmente, en Atención Primaria, porta de entrada á atención en saúde mental, hai unha falta tanto de profesionais como de formación específica en saúde mental, o cal non está a permitir detectar de maneira temperá os trastornos mentais e derivalos aos recursos comunitarios existentes.  

Por outra banda, cómpre sinalar que existen grupos de poboación especialmente vulnerables e sensibles, a miúdo invisibilizados, que son susceptibles de ver especialmente afectada a súa saúde mental nun contexto de crise como o que estamos a atravesar. Falamos por exemplo da poboación migrante, das persoas sen fogar, das mulleres ou da poboación infantil.

Por todo iso, é preciso que o investimento e a atención á saúde mental pasen a ser unha prioridade para todos os gobernos e os estados, facilitando un acceso universal e igualitario aos servizos de prevención e atención á saúde mental, tratando así de evitar un incremento drástico da súa prevalencia no contexto de crise provocado pola COVID-19.


Compartir contido