10/09/2015.

Día Mundial da Prevención do Suicidio

O suicido é a primeira causa de morte non natural en España, onde cada día quítanse a vida unha media de 10 persoas. A cifra de suicidios no noso país crece por terceiro ano consecutivo, dobrando aos falecidos por accidente de tráfico. Segundo a OMS, no mundo morren máis de 800.000 persoas cada ano por esta causa, e por cada adulto que se suicidou, outros 20 intentaron facelo.

Galicia non é allea a esta realidade. Vivimos na segunda comunidade autónoma española coa taxa máis elevada de falecidos por suicidio, 333 segundo as últimas informacións do Instituto Nacional de Estatística. Isto supón máis de 12 mortos por cada 100.000 habitantes, superando a cifra dun morto por día.

O Día Mundial da Prevención do Suicidio é unha data propicia para chamar a atención sobre esta situación e evidenciar a necesidade de mellorar a súa prevención e control. Para iso, é necesario o tratamento eficaz dos trastornos mentais, o control ambiental dos factores de risco, a difusión axeitada da información e a eliminación do tabú que existe en torno a este tema.

As enfermidades mentais, especialmente a depresión e os trastornos por consumo de alcohol, son un importante factor de risco do suicidio; a OMS calcula que desencadean o 90% dos casos. Igualmente, a falta de integración na sociedade favorece o comportamento suicida, polo que é fundamental abordar correctamente a intervención dos trastornos mentais e loitar contra o estigma que os rodea.

Actualmente, a prevención do suicidio é unha necesidade que aínda non se abordou de forma adecuada a nivel mundial, fundamentalmente pola falta de sensibilización acerca da gravidade do problema e polo tabú que o rodea. Os datos demostran que a prevención e o tratamento axeitado destes trastornos mentais reducen as taxas de suicidio, ao igual que o seguimento daquelas persoas que intentaron facelo.

Cabe destacar tamén que a prevención do suicidio esixe un enfoque innovador, integral e multisectorial, no que é precisa a intervención tanto do sector da saúde como o da educación, o mundo laboral, a xustiza, o dereito, a política e os medios de comunicación. Dende FEAFES Galicia queremos chamar a atención sobre a necesidade de tomar conciencia desta situación e levar a cabo medidas sólidas e eficaces para poder evitala.


Compartir contido