21/01/2020.

15 persoas fórmanse nun certificado de profesionalidade en Vigo

Onte, 20 de xaneiro, un grupo de 15 persoas participantes no Programa Integrado de Emprego FEAFES 2019/20 comezaron unha acción formativa en Vigo que consiste na impartición do Certificado de Profesionalidade “SSCM0108 – Limpeza de Superficies e Mobiliario en edificios e locais”. Dito curso terá unha duración de 3 meses e rematará o 24 de abril.

Con esta formación preténdese que as persoas participantes adquiran as competencias necesarias para desempeñar tarefas de limpeza en edificios, especialidade enmarcada na área de servizos socioculturais e da comunidade. A formación asociada a este certificado ten un carácter moi práctico, concluíndo cun módulo de prácticas de 80 horas de duración.

O Programa Integrado de Emprego FEAFES 2019/20, financiado pola Xunta de Galicia e o Servicio Público de Empleo Estatal, busca mellorar a empregabilidade e aumentar as posibilidades de acceso ao mercado laboral das persoas participantes, co obxectivo de que a lo menos o 36% delas logren acceder a un emprego.

Actualmente estase a desenvolver nas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia en A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, contando cun total de 100 participantes. Entre as accións que se levan a cabo dentro do programa, realízanse itinerarios personalizados de inserción e diversos obradoiros formativos, ademais de actividades transversais durante todo o proceso como técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego.




Compartir contido