07/04/2016.

200 persoas reflexionan e debaten sobre ética e discapacidade

O 6 de abril, arredor de 230 persoas déronse cita na Facultade de Bioloxía da USC para debater e intercambiar experiencias sobre as relacións que existen entre ética e discapacidade. Para iso, abordáronse distintos ámbitos como a xenética, a psiquiatría, o dereito ou a saúde mental, permitindo aos asistentes reflexionar sobre estas cuestións.

O encontro foi inaugurado polo presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, que estivo acompañado polo presidente do Cermi-Galicia, Anxo Queiruga, e polo Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela. Os tres coincidiron na importancia de impulsar foros deste tipo coa fin de dar coas claves que permitan ás persoas con discapacidade desenvolver unha vida plena e ser integradas na sociedade en igualdade de dereitos.

         

O relatorio marco da xornada correu da man de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular. O actual director da Fundación de Medicina Xenómica de Galicia presentou o ADN como “o libro de instrucións que recolle todo o que ten a vida”, explicando a través del as causas xenéticas da discapacidade. O doutor puxo sobre a mesa varios conflitos éticos entre os avances da ciencia e a súa relación coa discapacidade, como poden ser os medicamentos orfos para as enfermidades raras ou o diagnóstico preimplantacional ligado á fecundación in vitro. 

A continuación, o psiquiatra Luis Fernando Márquez introduciu o debate sobre se a atención e o coidado das persoas con discapacidade debería ser unha responsabilidade do Estado ou das familias. Insistindo na necesidade de coordinación socio-sanitaria entre os distintos axentes, Márquez concluíu que a atención á discapacidade debe ser unha responsabilidade de toda a sociedade. Segundo o psiquiatra, as intervencións integrais e integradas serán as que permitan diminuír as situacións de vulnerabilidade e potenciar as capacidades destas persoas.

         

O ámbito do dereito foi abordado por José Antonio Seoane, presidente do Consello de Bioética de Galicia e profesor de Filosofía do Dereito da UDC. Tras unha breve introdución pola historia do Dereito en relación coa discapacidade, Seoane pasou a falar de como debe ser o modelo de dereitos para a discapacidade e a súa tripla dimensión: xurídica, moral e política. O profesor analizou como se respectan e valoran os dereitos das persoas con discapacidade por parte da sociedade, indicando que a loita polo seu cumprimento precisa dun pensamento científico, dunha acción política e lexislativa e dun cambio social.

Finalmente, a xefa do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias do Sergas, María Tajes, falou da prevención e factores de risco para a aparición das enfermidades mentais, así como da súa relación co consumo de alcol ou drogas. Pola súa banda, Vanesa Montaña e Irene Fernández, psicóloga e educadora social de TP-Galicia respectivamente, explicaron en que consisten os trastornos da personalidade e como traballa esta asociación para atender ás persoas con estes diagnósticos.

         

Por que estas xornadas?

Nos últimos tempos estamos a vivir unha auténtica “revolución científica” en todas as disciplinas que teñen que ver, dun xeito ou doutro, coa natureza humana. Aínda que os avances na medicina, na bioloxía ou na psicoloxía, por exemplo, redundan xeralmente nunha mellora das condicións de vida das persoas, tamén é certo que os novos coñecementos e a súa ampla difusión social están a impactar profundamente na nosa concepción como humanos e no lugar que ocupamos con respecto ao noso entorno.
 
Na maioría dos casos, esta nova “información” entra en conflito con valores e comportamentos moi arraigados e interiorizados en amplas capas da sociedade, producíndose así unha crise de valores. A estes novos conflitos non son alleas as persoas con discapacidade e os seus familiares, abríndose debates novos e chegando a auténticas encrucilladas éticas e morais.

A Xornada de Ética e Discapacidade “Un día para a reflexión” organizada por FEAFES Galicia, pretende abrir debates e ofrecer distintos puntos de vista sobre a realidade que nos está tocando vivir e como repercute nas persoas con discapacidade e os seus familiares. 

Dende a organización queremos agradecer a intervención tanto dos ponentes como dos moderadores desta xornada, o interese e participación de todos os inscritos, o apoio da Consellería de Política Social e a colaboración do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC. 

         
Compartir contido