28/09/2018.

40 peregrinos percorren o camiño pola saúde mental

Un total de 40 peregrinos, entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental, monitores e familiares, realizaron o Camiño de Santiago para chegar hoxe, venres 28 de setembro, a Compostela. Trátase dunha actividade organizada por Saúde Mental FEAFES Galicia, que se realiza por noveno ano consecutivo tras a gran aceptación e participación que recibiu nas anteriores edicións.

A viaxe comezou o pasado mércores 26 de setembro en Salceda (O Pino) e culminou hoxe coa chegada á Praza do Obradoiro arredor das 10:30 da mañá. Unha vez alí, todos os peregrinos recibiron un certificado que acredita que percorreron 28 quilómetros do Camiño de Santiago. 

Tras acudir á Misa do Peregrino aqueles que quixeron, ás 13:00 foron recibidos no Salón Nobre do Pazo de Raxoi polo alcalde, D. Martiño Noriega, e outros membros da corporación municipal que deron a benvida aos peregrinos. Nesta recepción interviño Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, e un dos peregrinos que participou na actividade. Ambos explicaron o beneficiosa que resulta esta experiencia e o importante que é loitar contra os obstáculos cos que se atopan as persoas con problemas de saúde mental no seu día a día.

Un dos principais obxectivos desta iniciativa, organizada polo Servizo de Lecer e Deporte de Saúde Mental FEAFES Galicia, é amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Ademais, esta actividade serve para reivindicar a creación, mantemento e desenvolvemento de recursos orientados á recuperación das persoas con problemas de saúde mental e para demandar que dispoñan dunha atención integral con continuidade nos coidados.

Esta viaxe de tres días tamén permite que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Así mesmo, ten un factor lúdico rehabilitador, xa que serve para que os participantes se integren na sociedade e realicen actividades en grupo. De feito, ao longo destes días, os 40 participantes puideron coñecer peregrinos de todos os lugares do mundo e intercambiar experiencias con eles, ademais de gozar da natureza.

Os participantes desta novena edición do Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Avelaíña, Andaina, Apem e Saúde Mental Ferrol, todas elas integradas en Saúde Mental FEAFES Galicia. Ademais, foron acompañados por un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten a federación nas delegacións de A Coruña e Lugo. 


Compartir contido