29/12/2016.

55 persoas con enfermidade mental logran un emprego co Programa Incorpora



Incorpora Galicia é un programa de Obra Social "la Caixa" para a integración laboral de colectivos en risco de exclusión social do que forman parte oito entidades sociais galegas. A través de Incorpora, as entidades forman ás persoas a partir das necesidades das empresas e capacitan aos profesionais á medida dos seus empregadores. 

FEAFES Galicia forma parte do Grupo Incorpora da nosa comunidade, realizando deste xeito accións para favorecer a inserción laboral das persoas con enfermidade mental. A través deste programa, FEAFES Galicia ofrece un servizo integral gratuíto con técnicos de inserción laboral que proporcionan todo o asesoramento necesario para a empresa, así como pleno apoio en todas as fases do proceso: dende a selección ata a completa integración no posto de traballo.

Durante o 2016, ao amparo deste programa, FEAFES Galicia atendeu a un total de 318 persoas con enfermidade mental en busca de emprego e xestionou 90 ofertas de traballo, as cales supuxeron 72 inserción laborais de 55 persoas, 24 delas mulleres e 31 homes.
 
En canto á relación coas empresas, durante este ano FEAFES Galicia visitou 138 empresas que xa viñan colaborando coa entidade e outras 60 novas coa fin de informar e asesorar aos empresarios sobre a contratación de persoas con enfermidade mental. Destas novas empresas, 8 asinaron convenios de colaboración con FEAFES Galicia durante o 2016.

FEAFES Galicia aposta firmemente pola integración laboral das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade. Grazas á bolsa de emprego da entidade, no 2015 realizáronse 319 contratos de traballo aos que accederon 183 usuarios, dun total de 2.631 persoas beneficiarias do Servizo de Emprego.  
Compartir contido