08/03/2018.

8M: a discriminación das mulleres con problemas de saúde mental

As persoas con problemas de saúde mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria: enormes prexuízos por parte da sociedade, grandes dificultades para a súa inserción social e laboral, recursos insuficientes na atención á saúde mental... Pero dentro deste colectivo, as mulleres sofren unha discriminación aínda maior, pois ademais do estigma asociado aos problemas de saúde mental e o rexeitamento que provoca a discapacidade, tamén pesa sobre elas a discriminación derivada de ser muller e o que isto implica na nosa sociedade.

Unha vida chea de obstáculos

Esta discriminación provoca unha serie de obstáculos cos que se atopan as mulleres con problemas de saúde mental no seu día a día. Por unha banda, existe un gran prexuízo social vinculado á saúde mental, pois a sociedade en xeral ten unha imaxe negativa destas persoas considerándoas incapaces ou demasiado problemáticas para desenvolver unha vida normalizada. 

Isto tamén provoca dificultades no eido laboral, pois as mulleres con problemas de saúde mental son dos colectivos que atopan máis obstáculos para acceder a un posto de traballo. Como consecuencia, carecen de recursos económicos polo que a miúdo son dependentes das súas parellas.

Por outra banda, téñense detectado casos de mulleres con problemas de saúde mental que ven dificultado o exercicio da súa maternidade. Como a calquera outra nai ou pai non se debe xulgar o mero feito de ter ou non unha discapacidade ou enfermidade mental, senón de dispor de asesoramentos e apoios axeitados na toma de decisións. 

Tamén é un feito recoñecido que a violencia de xénero exercida sobre as mulleres con problemas de saúde mental, moitas veces por parte das súas parellas e ex-parellas, é máis frecuente que a que se exerce sobre o resto das mulleres.

As coidadoras, tamén mulleres

Segundo indica a “Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde”, a prestación de atención á saúde mental realizada por coidadores informais en España supón o 88% do total. Isto implica unha carga tremenda para as familias, posto que trae asociadas toda unha serie de alteracións na vida do coidador.

Destes coidadores informais, as mulleres son as que soportan o maior traballo, pois en case o 90% dos casos a atención á persoa con problemas de saúde mental é realizada polas nais. Isto provoca nestas mulleres un importante retraemento social porque o coidado da enfermidade mental implica unha gran dedicación: a coidadora e a persoa coidada íllanse do entorno e os prexuízos sociais resultan moi daniños.

A abordaxe integral dos problemas de saúde mental debe incluír tamén unha adecuada atención ao entorno máis próximo, que a miúdo precisa de apoios específicos como programas de axuda mutua, intervención familiar, etc. Os/as familiares, amigos/as e coidadores/as son un elemento esencial na recuperación das persoas con problemas de saúde mental, polo que tamén precisan un asesoramento e formación.

A discriminación de xénero, un risco para a saúde mental

O xénero determina, en gran medida, o poder e o control que teñen as persoas sobre os compoñentes socioeconómicos das súas vidas e, consecuentemente, da súa saúde mental. A posición e condición social, o modo en que alguén é tratado dentro da sociedade e a súa exposición a riscos específicos para a saúde mental, non son iguais para os homes que para as mulleres.

A OMS recoñece que existen factores de risco específicos de xénero que inflúen nos trastornos mentais comúns e que afectan de maneira desproporcionada ás mulleres. Estes son, entre outros, a violencia de xénero e os abusos sexuais, o salario baixo e a desigualdade nos ingresos, a condición e rango social baixo ou subordinado, a continua responsabilidade do coidado de outros e a presión exercida pola discriminación de xénero.

Existe, por tanto, unha relación directa entre a frecuencia e a severidade de todos estes factores sociais adversos e a frecuencia e severidade dos problemas de saúde mental nas mulleres. O alto grao de violencia sexual ao que as mulleres están expostas e a elevada taxa de tensión postraumática que isto xera, converte ás mulleres no maior grupo de persoas afectadas por este trastorno, por exemplo.

Por tanto, e aínda que non existe unha diferenza relevante en canto á prevalencia global dos problemas de saúde mental entre homes e mulleres, si existe unha vinculación directa entre as consecuencias xeradas pola discriminación de xénero e o risco de ter un problema de saúde mental.


Compartir contido