14/10/2020.

A Clínica Balión, con Saúde Mental FEAFES Galicia

A Clínica Balion, gabinete de Psicoloxía Clínica e Rehabilitación Física situada en Compostela, vén de realizar unha campaña solidaria pola saúde mental a beneficio de Saúde Mental FEAFES Galicia. 

Durante o 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, Balión ofreceu o libro electrónico “Os segredos da ansiedade” a un prezo reducido de 3,69€. Das vendas realizadas ese día, o 50% da recadación foi doada a Saúde Mental FEAFES Galicia. Na difusión da campaña colaboraron os influencers de saúde mental @neuronacho, @occimorons e @aquelmascaraque a través da rede social Instagram.

“Os segredos da ansiedade” é un libro que permite aprender de maneira próxima que é a ansiedade, por que a sentimos, cando se converte nunha patoloxía e que facer para que deixe de molestarnos. O libro pretende darnos a coñecer a realidade da ansiedade, despexar dúbidas e propoñer solucións. A día de hoxe, pódese adquirir en formato e-book a través desta ligazón por un prezo de 10,95€. 
 
A proposta de realizar esta campaña solidaria foi iniciativa de Jesús Cudeiro, director da Clínica Balión e coautor do libro, tras coñecer de preto o traballo de Saúde Mental FEAFES Galicia a través das súas prácticas universitarias de psicoloxía. Jesús destaca da entidade que “achega un valor real á comunidade galega de persoas con problemas de saúde mental e os seus familiares, valor que vai desde o traballo exhaustivo do persoal técnico ata a ampla carteira de servizos que ofrece, pasando polo gran labor de  visibilización da enfermidade mental na sociedade”.

Desde Saúde Mental FEAFES Galicia queremos agradecer a Jesús Cudeiro, aos demais profesionais da Clínica Balión e aos embaixadores desta iniciativa nas redes sociais, a súa confianza e o seu compromiso coa saúde mental, así como a achega realizada á nosa entidade para seguir potenciando os servizos e programas dirixidos a este colectivo. 


Compartir contido