23/07/2019.

A Conselleira de Política Social visita Avelaíña para coñecer o programa Achego



Onte, a Conselleira de Política Social, Fabiola García, desprazouse ata Ponteareas para coñecer o programa de desenvolvemento comunitario no rural “Achego” desenvolvido pola asociación  Avelaíña e xestionado por Saúde Mental FEAFES Galicia. Esta iniciativa promove a autonomía das persoas con problemas de saúde mental a través de acompañamentos para coñecer os recursos da súa contorna, un servizo de apoio emocional e accións de mediación familiar.

Fabiola García indicou que este proxecto, que se desenvolveu durante o ano pasado, foi “un éxito”. Con el atendéronse a 160 persoas de 34 municipios diferentes, grazas ás actuacións levadas a cabo polas asociacións  Avelaíña, Fonte da Virxe, Andaina e Alume nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo.

A través dun convenio de colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia, a Xunta de Galicia destinou 100.000 euros para financiar este proxecto co que se realizaron actividades como apoio emocional, mediación da situación familiar, acompañamento en actividades de lecer e culturais, axuda en trámites e asesoramento de servizos sociais.

No acto celebrado onte tamén estivo presente o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, así como diversos representantes municipais do concello anfitrión e doutros próximos como As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, A Cañiza, Covelo, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas. Tamén estiveron presentes a vicepresidenta e o xerente de Avelaíña, Alicia Méndez e Rafael Álvarez, así como o director de Saúde Mental FEAFES Galicia, Antonio Hernández. Acompañáronos, igualmente, a Delegada Territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, e o Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Idelfonso de la Campa.

A Conselleira de Política Social exaltou o traballo da asociación Avelaíña, así como o das outras 13 entidades que integran a federación, centrado en mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e a das súas familias. Ademais, destacou a aposta por manter a estas persoas na súa contorna habitual, na súa casa, mellorando a súa calidade de vida e a das súas familias a través de programas como Achego.
Compartir contido