06/07/2018.

A Creba, preocupada pola ausencia de atención psiquiátrica en Noia

A asociación de saúde mental A Creba, situada en Noia e Ribeira, lanza un comunicado amosando a súa preocupación pola ausencia de atención psiquiátrica na Unidade de Saúde Mental de Noia:

A comarca de Muros-Noia conta unicamente coa Unidade de Saúde Mental de Noia para a atención e seguimento das persoas con discapacidade a causa de unha enfermidade mental. Segundo datos da Consellería de Política Social, nesta comarca hai arredor de 712 persoas con discapacidade a causa de enfermidade mental.

O psiquiatra habitual desta unidade atópase en situación de baixa laboral desde o 4 de xuño de 2018. Ata o día da emisión deste comunicado, 5 de xullo de 2018, a única resposta por parte da administración foi designar un psiquiatra os días 5 e 6 de xullo. Non existe previsión nin notificación respecto á cobertura da praza. Esta situación xera nas usuarias e usuarios, así como nas súas familias, unha situación de incerteza, posto que as persoas usuarias son remitidas ao psiquiatra porque o seu problema de saúde así o require.

Varias persoas usuarias de A Creba teñen unha lista de espera en Psiquiatría de 8 meses. A asociación considera que este tempo supera con creces a media para o correcto seguimento da enfermidade, e por iso nos parece absolutamente inadmisible. Entendemos que se está a vulnerar o dereito a unha atención sanitaria digna e en condicións, polo que consideramos necesaria a cobertura inmediata da praza do psiquiatra na USM.

Sumado a isto, cremos importante destacar que en caso de precisar unha atención psiquiátrica prioritaria, a única posibilidade que teñen as persoas con enfermidade mental é trasladarse ao servizo de urxencias do CHUS, situado en Santiago de Compostela. As persoas coas que traballamos en A Creba teñen enfermidade mental crónica persistente, de moi longa evolución, sendo imprescindible una asistencia próxima e accesible.

A maioría das persoas usuarias coas que traballa a nosa entidade viven no medio rural, polo que non é unha novidade que na comarca haxa escaseza de medios de transporte públicos e limitación de horarios dos mesmos.
Compartir contido