21/09/2016.

A Creba: un polgar pola saúde mental



Dende hai tempo, A Creba propúxose como un dos seus principais obxectivos romper tabús. Dende entón realizou accións como xornadas de portas abertas, curtametraxes ou montaxe de talleres na rúa, pero agora a súa campaña divulgativa deu o salto á Rede. A través de Facebook, a asociación lanzou “Un polgar pola saúde mental”, un chamamento aos cidadáns para que suban fotos co dedo no alto, mostrando así o seu apoio á causa.

«A campaña pretende dar visibilidade aos problemas relacionados coa saúde mental e divulgar o traballo da asociación a un nivel máis extenso», explica Rocío García, a presidenta de A Creba. A iniciativa púxose en marcha a pasada semana e permanecerá activa ata o 10 de outubro, xornada na que se conmemora o Día Mundial da Saúde Mental a propósito da cal se organizarán outras actividades nas instalacións da entidade. 

A pesar de que a apertura do colectivo á sociedade foi a máis durante os últimos anos, a presidenta de A Creba considera que a divulgación ten que seguir sendo un alicerce primordial: «Queremos que a xente saiba que existe a asociación e cales son os seus labores, entre os que están axudar tanto ás persoas que sofren unha enfermidade mental como aos seus familiares, que tamén precisan apoio».

En canto aos motivos que levaron a elixir Facebook para difundir a súa campaña, Rocío García sinala que había que recorrer ao espazo no que se move a xente: «Por todos é sabido que a maior parte das persoas utilizan con frecuencia as redes sociais, polo que pretendemos intensificar a nosa presenza nelas». O contido da petición que se lanza á sociedade, subir unha foto co polgar no alto, tampouco require unha gran explicación: «Trátase de que, dalgún modo, mostren que apoian á asociación e que, por tanto, están sensibilizados coa nosa causa».

Vía La Voz de Galicia

Compartir contido