15/10/2018.

A Deputación da Coruña, coa inserción laboral

A través da subvención correspondente ao programa FOAXE para o desenvolvemento de programas de servizos sociais, a Deputación da Coruña colabora con Saúde Mental FEAFES Galicia no desenvolvemento do “Proxecto de Inserción Laboral para Persoas con Enfermidade Mental”.

Este proxecto inclúe información, asesoramento, atención e acompañamento na busca activa de emprego a través da realización de itinerarios personalizados de inserción. Para iso, analízanse as necesidades individuais de cada persoa e ofréceselle unha formación específica, tanto transversal como orientada ao emprego concretamente. Neste senso, Saúde Mental FEAFES Galicia conta con cursos propios pero tamén deriva aos usuarios a cursos organizados por outras entidades ou organismos, de ser necesario.

Por outra banda, os técnicos de Saúde Mental FEAFES Galicia realizan intermediación laboral coas empresas e preparan aos demandantes de emprego para as entrevistas de traballo, facendo un seguimento en todo momento tanto dos candidatos como do desempeño na propia empresa. Neste senso, o “Proxecto de Inserción Laboral para Persoas con Enfermidade Mental” contempla tamén accións de emprego con apoio, no caso de ser precisas.

Saúde Mental FEAFES Galicia tamén conta cun Punto TIC para a busca activa de emprego, onde as persoas usuarias poden acceder a equipos informáticos con conexión a Internet, teléfono e impresora para poder xestionar así a súa busca de emprego: elaborar e imprimir un CV ou carta de presentación, inscribirse a portais de emprego, facer unha entrevista de traballo online, etc.



Compartir contido