15/10/2016.

A Deputación da Coruña colabora na inserción laboral de persoas con enfermidade mental

A través das subvencións correspondentes aos programas FOIE (para investimentos de servizos sociais) e FOAXE (para o desenvolvemento de programas de servizos sociais), a Deputación da Coruña colabora con FEAFES Galicia no desenvolvemento do Proxecto de Inserción Laboral para persoas con enfermidade mental.

Este proxecto inclúe información, asesoramento, atención e acompañamento na busca activa de emprego a través da realización de itinerarios personalizados de inserción. Para iso, analízanse as necesidades individuais de cada persoa e ofréceselle unha formación específica, tanto transversal como orientada ao emprego concretamente. Neste senso, FEAFES Galicia conta con cursos propios pero tamén deriva aos usuarios a cursos organizados por outras entidades ou organismos, de ser necesario.

Por outra banda, os técnicos de FEAFES Galicia realizan intermediación laboral coas empresas e preparan aos demandantes para as entrevistas de traballo, facendo un seguimento en todo momento tanto dos candidatos como do desempeño na propia empresa. Neste senso, o Proxecto de Inserción Laboral para persoas con enfermidade mental contempla tamén accións de emprego con apoio, no caso de ser precisas.

Como novidade, este ano incluíuse no proxecto a posta en marcha dun punto TIC para a busca activa de emprego, onde os usuarios de FEAFES Galicia poden acceder a equipos informáticos con conexión a Internet, teléfono e impresora para poder xestionar así a súa busca de emprego. Deste xeito, as persoas usuarias dispoñen dun lugar no que poder elaborar e imprimir un CV, facer cartas de presentación, enviar un CV por correo electrónico, inscribirse a portais de emprego, facer unha entrevista de traballo online e todas aquelas actividades vinculadas ao seu proceso de busca activa de emprego que requiran de calquera dos dispositivos dispoñibles.

Compartir contido