06/07/2018.

A Deputación de Pontevedra visita Saúde Mental FEAFES Galicia



O pasado 5 de xullo, a deputada de Cohesión Social e Xuventude de Pontevedra, Digna Rivas, e o deputado de Promoción Turística, Fomento de Industrias Turísticas e Artesanía e Turismo Rías Baixas, Héctor Díaz, visitaron as instalacións de Saúde Mental FEAFES Galicia en Vigo para coñecer de primeira man o traballo da entidade.

Recibíronos Leopoldo Robla, membro da Xunta Directiva de Saúde Mental FEAFES Galicia e presidente da asociación Doa; Antonio Hernández, director de Saúde Mental FEAFES Galicia; Manuel Juncal, responsable da delegación de Vigo de Saúde Mental FEAFES Galicia; así como outros técnicos da delegación.

A visita tiña como finalidade fortalecer e consolidar a relación da entidade coa Deputación de Pontevedra, así como visibilizar o proxecto Practicum, financiado pola susodita administración. 

A esta fin, os deputados puideron ver un vídeo dunha beneficiaria do proxecto Practicum 2017, a cal foi galardoada co segundo premio “Expresión artística pola integración” convocado pola Confederación Salud Mental España. Igualmente, presentáronse dúas experiencias de usuarios que realizaron prácticas non laborais en empresas no marco do proxecto Practicum, do mesmo xeito que se expuxeron as accións desenvolvidas e os resultados obtidos por dito programa.

Proxecto Practicum

O proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con problemas de saúde mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. 

As empresas, pola súa banda, teñen a posibilidade de ver como traballan estas persoas e desfacer os prexuízos que poida haber á hora de valorar a contratación dunha persoa con enfermidade mental. Os resultados demostran que cando un empresario coñece de primeira man o traballo dunha persoa deste colectivo, a súa percepción sobre as enfermidades mentais cambia a mellor.

Compartir contido