30/04/2018.

A Fundación Mapfre recoñece o labor de FEAFES Galicia

FEAFES Galicia recibiu, nun acto presidido pola Infanta Dona Elena de Borbón, un recoñecemento da Fundación Mapfre pola súa traxectoria a favor da inclusión laboral das persoas con problemas de saúde mental.

Este evento, no que tamén foron galardoadas outras entidades sociais e varias empresas galegas, serviu para que a Fundación Mapfre presentase o seu programa social de emprego e para que se desen a coñecer varias insercións laborais de éxito de persoas con discapacidade en empresas ordinarias da súa contorna.

Deste xeito, a residencia Domusvi A Coruña recibiu un galardón polo seu compromiso social na inserción laboral de persoas con dificultades de acceso ao emprego. A súa directora, María Isabel Otero Fernández- Aperribay, presentou a Damara Patterson, usuaria de FEAFES Galicia que traballa na devandita empresa e que tamén recibiu un recoñecemento. 

Acompañounas Cristina Rivas, orientadora laboral de FEAFES Galicia, que falou da importancia do emprego con apoio para facilitar o acceso e o mantemento do posto de traballo por parte, neste caso, das persoas con problemas de saúde mental. Jaime García y García, pola súa banda, foi o encargado de recoller o galardón en nome de FEAFES Galicia, quen lembrou a importancia de facilitar recursos e dar oportunidades reais ás persoas deste colectivo.

No acto, celebrado o pasado 27 de abril nas instalacións da Confederación de Empresarios da Coruña, tamén foi recoñecida o labor das empresas Solidariedade Internacional de Galicia, Gaeiro Construcciones S.L. e Amofre S.L.; da empresaria Lilia Gonçalves Faria; da Confederación de Empresarios COFER Ferrol; e da Federación Down Galicia.


Compartir contido