23/09/2015.

A Mariña abre as súas portas o Día Mundial da Saúde Mental

O 10 de Outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, e para conmemoralo, a asociación A Mariña está a preparar con moita ilusión unha serie de actos que terán lugar na súa unidade residencial de Cervo (Lugar da Bidueira s/n, estrada Sargadelos – San Ciprián).

As actividades conmemorativas terán lugar o propio sábado 10 a partir das 17h, e comezarán coa lectura do manifesto do Día Mundial da Saúde Mental por parte da presidenta da asociación, Mª Iris Castro Meitín. A continuación, terán lugar unha serie de actos que amosarán as distintas facetas dos usuarios que conforman a entidade mariñá.

Por unha banda, inaugurarase un mosaico no muro da unidade residencial que foi elaborado polos usuarios da asociación coa colaboración dos voluntarios da Fundación Alcoa. Para A Mariña é un pracer amosar este traballo que contribúe a crear un entorno máis agradable e persoal.

Por outra banda, inaugurarase tamén unha exposición que amosa os traballos elaborados nos distintos centros e talleres da asociación. Trátase de produtos realizados con moito agarimo e entusiasmo que contribúen, ademais, a mellorar a autoestima e a saúde dos usuarios.

Nesta xornada de portas abertas presentarase tamén a Revista Agarimo que recolle as inquedanzas, novidades e traballo de todo un ano e que foi elaborada polos propios usuarios de A Mariña.

Finalmente, para completar unha programación chea de arte e cultura, realizarase unha interpretación teatral da obra “O cazo de Sabela”, peza que fará reflexionar ao público sobre o que supón lidiar cunha enfermidade mental. Esta obra será interpretada polos usuarios de A Mariña e falará dun cazo que simboliza a enfermidade mental, explicando que se debe facer para lograr unha vida normalizada.

Compartir contido