20/04/2020.

A Mariña celebra o negativo en coronavirus de todas as persoas usuarias e traballadoras

O pasado venres 17 de abril, unha boa noticia chamou á porta da asociación de saúde mental A Mariña en forma de resultado negativo á proba do coronavirus para todas as persoas traballadoras e usuarias da entidade. A proba foi realizada o domingo día 12 grazas ás facilidades ofrecidas pola directora do Hospital da Mariña, María José Cortés, e á axilización do Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. 

Dende a asociación queren, por tanto, mandar unha mensaxe de tranquilidade, ánimo e esperanza, á vez que recordan que os posibles casos positivos que se poidan dar nestes ou noutros centros, non son sinónimo de mala praxe, senón da dificultade de loitar contra un inimigo invisible tan poderoso. Non deixan de agradecer o esforzo que está a facer tanto o persoal traballador como as persoas usuarias e as familias para favorecer o bo desenvolvemento das actividades da entidade nun contexto tan adverso. 

Dende o pasado 11 de marzo, dada a alerta sanitaria existente e aínda antes da declaración do estado de alarma, a asociación A Mariña comezou a extremar as súas precaucións fronte ao COVID-19. Ese día quedaron restrinxidas as visitas á unidade residencial e estremáronse as medidas de protección e hixiene. Ao día seguinte restrinxíronse as saídas do centro, adaptando as súas instalacións para que as persoas internas puidesen dispor de máis servizos e actividades de ocio dentro. Igualmente, estanse a desinfectar as zonas exteriores da unidade residencial diariamente dende o 21 de marzo.

Para celebrar a boa nova de todos os resultados negativos na proba do coronavirus, as persoas usuarias da asociación A Mariña xa comezaron a gozar, o propio venres 17 de abril, das saídas terapéuticas para as que teñen permiso médico.

92 persoas usuarias atendidas no último mes

Durante todo este tempo de adaptación ás novas circunstancias, A Mariña traballou duramente para garantir o mantemento dunha atención axeitada, de calidade e moi necesaria ás persoas con problemas de saúde mental. Dende o 11 de marzo estase a atender a 92 usuarios, realizando actuacións nos seguintes eidos: 2.326 casos de supervisión da medicación; 2.542 actuacións de atención sanitaria; 1.466 actuacións de supervisión personalizada de cada usuario ou usuaria; 2.682 intervencións sociais e de ocio; 326 intervencións psicolóxicas; 18 casos de apoio económico prestado pola asociación e, o que é máis importante, cero casos de ingresos en  agudos. 

Palabras de sentido agradecemento

A directora da asociación A Mariña, María José Novoa, non deixa de dedicar palabras de agradecemento a todas as persoas, entidades e axentes que están a facilitar a adaptación da asociación a un contexto tan complexo. En primeiro lugar, agradece a labor do persoal técnico da asociación polo seu esforzo e compromiso, ás familias pola confianza e pola calma, e ás persoas usuarias polo seu comportamento e adaptación exemplar á nova circunstancia. 

Manda palabras de agradecemento ao persoal sanitario que se achegou a facer as probas do COVID-19 pola súa boa disposición e trato; á directora do Hospital da Mariña, María José Cortés, por facilitar a proba a todas as persoas traballadoras e usuarias de todos os recursos da asociación; ao Concello de Cervo, especialmente á concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, por facilitar a desinfección diaria da residencia; ao GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipais), con Mario Antuña, que acude a realizar dita desinfección; a Nati, de Decoraciones Ajuar, pola doazón das primeiras mascarillas de tela das que dispuxo a asociación; ao Cluster da Saúde, con Gisela como xerente, polo envío do primeiro material de protección completo que recibiu a asociación (batas gafas, mascarillas, calzas); a Makers da Mariña, especialmente a David, polo envío de pantallas de protección; a Saúde Mental FEAFES Galicia polo apoio constante en todo momento; á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, especialmente a María Tajes, pola súa preocupación; ao Dr. Vila, coordinador de área; á Unidade de Saúde Mental de Burela, especialmente á psiquiatra Berta López, por facilitar os permisos para as saídas terapéuticas ás persoas usuarias da residencia e dos pisos; a Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade, pola súa preocupación polas usuarias dos pisos para mulleres vítimas de violencia de xénero e a entidade en xeral; e ao Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, pola axilización das probas do COVID-19.


Compartir contido