19/10/2015.

A Mariña e Apem xogan un partido cos veteranos do Depor

Un total de 49 persoas da asociación A Mariña viaxaron o pasado 13 de outubro á Coruña para gozar pola mañá dunha visita guiada polo Aquarium Finisterrae, tras a cal visitaron a enigmática Torre de Hércules para pasar logo a gozar dun xantar conxunto, recargando forzas para unha marabillosa tarde deportiva.

Foi o Consorcio As Mariñas quen os convidou con motivo do seu programa de actos de celebración do Día Mundial da Saúde Mental, o cal comprendía un torneo triangular de fútbol sala a partir das 18:30 no polideportivo municipal de Betanzos.

Tres equipos, integrados por persoas con enfermidade mental, participaron neste torneo de carácter non competitivo: o equipo do Consorcio As Mariñas, un equipo da asociación Apem e o equipo da asociación A Mariña.  

Ademais, os veteranos do RCD Deportivo da Coruña, amosando a súa solidariedade e compromiso, colaboraron neste torneo reforzando os distintos equipos e integrándose neles como uns xogadores máis, o cal resultou unha motivación extra para todos os participantes. 

A Directora Técnica Xeral de A Mariña, María José Nóvoa, salienta que estas actividades redundan na mellora terapéutica dos usuarios xa que participan activamente, intégranse na comunidade, aumentan a súa autoestima e mellorar a calidade de vida. 


Compartir contido