02/09/2016.

A Mariña inaugura un novo centro en Burela

A asociación de saúde mental A Mariña celebra  o 2 de setembro a inauguración oficial do seu Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela (Rúa da Estación, nº 11, baixo) que conta con 25 prazas para persoas con enfermidade mental de entre 16 e 65 anos. 

O acto celebrarase a partir das 19:00 e contará coa presenza de autoridades, a Xunta Directiva  da asociación, familiares de persoas con enfermidade mental crónica, usuarios e técnicos dos diferentes dispositivos complementarios de atención. 

O acto comezará co recibimento de todos os invitados. A directora de A Mariña, María José Nóvoa, fará unha visita guiada polas instalacións, que rematará coa intervención das diferentes autoridades e a Presidenta da asociación, María Iris Castro Meitín. Para finalizar, celebrarase un ágape de confraternidade amenizado polo grupo folclórico Arume de Burela, quen colabora nesta xornada de forma desinteresada.  

O traslado de centro a estas novas dependencias supón un salto cualitativo na atención ás persoas con enfermidade mental, xa que a súa ubicación fronte á estación de autobuses e trens  vai facer máis doada a asistencia ao centro así como a integración no núcleo da comunidade. 

A asociación cambia de ubicación pero mantén os mesmos obxectivos, que son mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, así como manter á persoa con enfermidade mental no contorno comunitario, dar apoio ás familias e prestar servizos de rehabilitación psicolóxica e social mediante unha atención integral.

Asociación A Mariña

A asociación A Mariña foi fundada en 1999 por familias nas que había algún membro con problemas de saúde mental, unindo os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: acadar que a este colectivo e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada. 

A asociación conta con Centros de Rehabilitación Psicosocial en Burela e Ribadeo, e cun piso protexido tamén na localidade de Burela. Ten ademais unha Unidade Residencial en Cervo, a única especializada para problemas de saúde mental en toda a provincia. 

Compartir contido