09/06/2017.

A Mariña marcha de excursión

54 persoas da asociación A Mariña, entre eles usuarios e técnicos, asistiron esta semana á XL Feira Internacional Semana Verde de Silleda, onde degustaron produtos de múltiples lugares e participaron en diversas actividades. Esta visita foi posible grazas a unha doazón realizada pola Asociación Cultural Pequenos Pasos, a quen A Mariña quere amosar o seu agradecemento.

A Feira Internacional Semana Verde de Silleda é un salón multisectorial onde se dan cita todas aquelas empresas e profesionais que desenvolven a súa actividade no medio rural. Neste encontro, que celebrou este ano a súa 40ª edición, pódense atopar propostas do ámbito da alimentación, caza, pesca, automoción, produtos artesanais ou maquinaria agrícola.

Durante todo o xoves 8 de xuño, os excursionistas de A Mariña puideron disfrutar de actividades como circuítos de karts e quads, degustacións de produtos galegos (pan de cea, castañas do Caurel, rosquillas de Abades, etc.), mostras de arte floral ou demostracións das palilleiras de Camariñas. Ademais, ao longo de toda a xornada houbo exposicións de exemplares de distintos animais e exhibicións de actividades como tiro con arco.

E como os membros de A Mariña non acougan, o 29 de xuño realizarán outra saída ao Acuapark de Cerceda, onde pasarán unha refrescante xornada de diversión acuática. Esta excursión é posible grazas á recadación obtida na Cena Solidaria organizada pola asociación o 13 de maio, grazas á cal se poderá financiar o desprazamento e entrada desta actividade.


Compartir contido