06/03/2020.

A Rede TIL leva á Deputación de Lugo unha exposición que visibiliza a discriminación laboral das mulleres

A propósito do Día Internacional da Muller, que se conmemora o vindeiro 8 de marzo, a Rede TIL, , formada polo persoal técnico de inserción laboral das entidades lucenses do terceiro sector e o Campus Lugo da USC, exhibe por segunda vez a exposición “25N: unha ollada ao mundo laboral”, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo.

Dita exposición foi presentada o pasado 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, para condenar as discriminacións por sexo que experimentan as mulleres no eido laboral, as cales conforman unha situación de violencia machista escasamente visibilizada. 

Agora esta exposición aterra no Pazo de San Marcos, onde poderá ser visitada ata o 19 de marzo. No acto de presentación da mostra, que tivo lugar onte, interviñeron Ana González Abelleira, deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento; Vanesa Fernández, orientadora laboral de Saúde Mental FEAFES Galicia e membro da Rede TIL; e Celia Besteiro, vicerreitora de Organización Académica da USC.

A través dos 12 paneis que compoñen a exposición, búscase difundir a situación de discriminación que sofren as mulleres no mercado laboral e as dificultades que se atopan á hora de acceder e manter un traballo en igualdade de condicións que os homes. Deste xeito, contribúese e estimúlase o debate e a reflexión entre as persoas que visiten a mostra, que poderán atoparse con infografías e imaxes arredor desta temática.


Compartir contido