19/10/2017.

A USC estuda os dereitos das persoas con discapacidade

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) constituíu este mes o Grupo de Estudo sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (GREDDIS). Trátase dunha iniciativa da Facultade de Dereito, para a que quixeron contar con diferentes entidades representativas da discapacidade, como FEGADACE, Down Galicia e FEAFES Galicia.

O GREDDIS é un grupo multidisciplinar que xorde da necesidade de inclusión do colectivo de persoas con discapacidade no ensino universitario. Ademais das federacións, participan no grupo profesorado e profesionais do Dereito Constitucional, Administrativo, Civil, Financeiro e Tributario, da Pedagoxía e da Psicolpedagoxía, da Psicoloxía e da Medicina.

Os obxectivos a acadar, ao longo dos tres anos nos que está prevista a duración do grupo, son analizar a normativa -e a súa práctica efectiva- referente aos dereitos das persoas con discapacidade, estudar o grao de cumprimento da Convención da ONU de Dereitos das Persoas con Discapacidade, e reformar os protocolos no tratamento deste colectivo nos ámbitos educativo, administrativo, xudicial, político, social e de comunicación.

Polo momento estase a traballar na elaboración de material divulgativo para a concienciación sobre discapacidade e no deseño dunha APP que axude a que este colectivo identifique e denuncie as carencias en termos de accesibilidade coas que se atopan na USC.

Este grupo de estudo conta con financiamento do Consello Social da USC. Ata o momento estableceuse como canle de comunicación pública a páxina de Facebook Grupo GREDDIS

Vía FEGADACE


Compartir contido