18/07/2018.

A Valedora do Pobo inicia un estudio sobre a atención á saúde mental en Galicia

A institución do Valedor do Pobo iniciou os contactos para elaborar un estudio monográfico sobre a atención sociosanitaria á enfermidade mental na nosa comunidade. A pasada semana, iniciou as entrevistas con entidades do terceiro sector que traballan neste eido para coñecer as necesidades de persoas con enfermidade mental, familias e traballadores. 

A tramitación de diferentes queixas descubriu algunhas das carencias en canto a recursos materiais e humanos destinados a atender a estas persoas. A recente publicación do Informe do Mecanismo Nacional para la Prevención de la Tortura (MNP) del Defensor del Pueblo sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo veu reforzar a necesidade de investigar polo miúdo as necesidades do colectivo.

Como primeiro paso, a Valedora do Pobo mantivo un encontro co presidente e o director de Saúde Mental FEAFES Galicia. A perspectiva e valoración que fan as entidades das necesidades das persoas con enfermidade mental, dos familiares e das persoas que traballan con estas persoas resulta fundamental para a realización da análise global.

Esta mesma semana, a institución dirixiuse ás administracións competentes para implicalas no proxecto. En concreto solicitou a colaboración das consellerías de Sanidade e Política Social, coa idea de obter información sobre os recursos destinados ás persoas con enfermidade mental “ante as inquedanzas que se nos están a trasladar con motivo das prestacións, tanto sanitarias como sociais, para atender a pacientes con enfermidade mental, e do informe do MNP”.

A investigación culminará nun documento que permitirá extraer conclusións firmes, documentadas e suficientemente motivadas sobre a atención sociosanitaria das persoas con enfermidade mental na nosa comunidade.

Vía Valedor do Pobo.


Compartir contido