02/04/2020.

A X Solidaria chega este ano ás casas galegas

Onte, 1 de abril, comezou o prazo para presentar a Declaración da Renda. Co IRPF comeza tamén a X Solidaria, unha campaña que nace das entidades sociais para animar aos contribuíntes a marcar na súa Declaración da Renda o recadro de “Fins Sociais” (o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”).

A Administración permite aos contribuíntes a posibilidade de decidir a que queren destinar un 0,7% do diñeiro que se recada cos seus impostos. Uns fondos que se destinan integramente a realizar programas que beneficien ás persoas en exclusión social ou pobreza a través de organizacións de acción social.

En Galicia, no 2019 a campaña recadou 17.463.833 € grazas ás 716.201 persoas que marcaron a X Solidaria na súa Declaración. Foron 14.564 persoas máis que no 2018, o que permitiu recadar 956.620 € máis. Aínda así, 604.246 contribuíntes seguen sen marcar a X Solidaria. Se o fixesen, a asignación final en Galicia sería de 29.483.834 € (12.020.001 € máis).

Das X nas prazas ás X nas casas

Nestes días, profesionais e persoas voluntarias de moitas ONG están a prestar un servizo esencial na loita contra o COVID-19 e seguiran a facelo cando remate a pandemia, apoiando ás persoas máis vulnerables e defendendo os seus dereitos. Un traballo que é posible, en gran parte, grazas a quen marcou a X Solidaria na súa Declaración da Renda.

Con motivo das especiais circunstancias que estamos a vivir este ano, as entidades sociais queren animar a toda a cidadanía a que dende o 2 de abril enchan as redes sociais, as xanelas e os balcóns das súas vivendas con carteis animando a marcar a X Solidaria, para despois subir unha foto ás redes coas etiquetas #XSolidaria e #1MillonDeRazones.

Unha iniciativa que servirá para expresar todo o que se pode conseguir marcando a X Solidaria ao tempo que se pon en valor a labor de miles de persoas que traballan ou son voluntarias en organizacións de acción social.

Asegurar o traballo para as persoas 

As redes e organizacións que impulsamos esta campaña, cremos fundamental manter a  filosofía destes fondos de acción social que dende hai dous anos xestiona a Xunta de Galicia. 

Evitar a dispersión e a burocracia a través da xestión dos fondos por un único departamento: a Consellería de Política Social. Seguir garantindo que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha e, sobre todo, dar continuidade aos nosos programas.

Máis información: www.xsolidaria.org


Compartir contido