17/04/2018.

A aplicación móbil da renda non permite marcar o X Solidario

As ONG detectaron que a nova aplicación para móbiles destinada a facer a declaración da renda non permite marcar o X Solidario. Por iso, as entidades alertan á cidadanía sobre a necesidade de comprobar se teñen marcada a casa 106 de Actividades de Interese Social.

As organizacións sociais fan esta chamada ás persoas contribuíntes porque esta nova aplicación non admite modificacións. É dicir, se as persoas contribuíntes queren marcar o cadro 106 de Actividades de Interese Social, non poden facelo a través desta APP, teñen que rectificar o seu borrador no programa Renta Web.

As ONG alertan desta situación, que suporá inevitablemente un aumento no número das persoas que non marcan ningún recadro. Esta medida influirá directamente nas persoas que este ano presenten a súa renda por primeira vez porque, por defecto, cando revisen o seu borrador, non aparecerán marcados ningún dos dous recadros.

A Plataforma de ONG de Acción Social, entidade que coordina a campaña do X Solidario, manifestou a súa preocupación á Axencia Tributaria ante esta situación para que estableza as actualizacións que sexan necesarias que permitan ás cidadás e cidadáns expresar a súa vontade de marcar o cadro de Fins Sociais antes de confirmar a súa renda mediante esta nova APP. 

A campaña do X Solidario, dirixida a informar e sensibilizar ás persoas contribuíntes para que marquen o recadro 106 de Actividades de Interese Social na súa declaración da renda anual, é coordinada pola Plataforma de ONG de Acción Social e conta co apoio da Plataforma do Terceiro Sector, a Plataforma do Voluntariado de España, a Rede de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN-España), o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), a Plataforma de Infancia e a Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento-España.


Compartir contido