03/03/2020.

A exposición Disorders aterra no Morrazo

O pasado venres 28 de febreiro, a sede da asociación ADICAM, situada na Casa da Bola en Cangas, acolleu a presentación da exposición Disorders, unha mostra de pintura e debuxo que retrata a saúde mental en primeira persoa. 

No acto interviñeron Ana Escrigas, responsable de comunicación de Saúde mental FEAFES Galicia; Michel e Mª Reyes Fragueiro, ilustradores participantes na exposición; e Enrique Prado, escultor e membro da asociación ADICAM. Estiveron acompañados tamén por Sagrario Martínez Ferrari e Victoria Portas Mariño, concelleiras de Cangas; así como por Olga Sotelo, presidenta de ADICAM.

O acto, no que estiveron presentes moitas persoas traballadoras e usuarias da asociación DOA Saúde Mental, así como outros membros da asociación ADICAM, estivo amenizado pola banda de gaitas Lume de Karoso, que puxo a nota musical ao evento. A exposición poderá visitarse ata o 27 de marzo en horario de mañá de luns a venres de 11h a 13h e polas tardes os luns e os martes de 17h a 19h.

As obras que compoñen esta mostra ilustran as cancións do disco Disorders, cada unha das cales está inspirada nun problema de saúde mental contado dende a propia experiencia dos autores. Deste xeito, os cadros ilustran doenzas como a depresión, a esquizofrenia ou trastorno bipolar, entre outros. Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo), son os autores dos cadros que compoñen esta mostra.

Un proxecto participativo e multidisciplinar

Fai catro anos, Carlos Morales puxo en marcha un proxecto baixo o nome Fear of Missing Out, onde pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa partindo dun disco como proposta inicial. A partir de aí, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multicisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo.

A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o cal Carlos Morales contactou con Saúde Mental FEAFES Galicia. Deste xeito, catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións membro realizaron un total de 14 cadros, os cales compoñen a exposición que agora visita Cangas do Morrazo.

O obxectivo deste proxecto é achegar un grao de area na loita contra o estigma que pesa sobre os problemas de saúde mental, un tema tabú que esta iniciativa pretende sacar á luz con normalidade, respecto, e empatía. A exposición tamén busca amosar as capacidades artísticas destas persoas, para o cal xa percorreu outras localidades galegas como A Coruña, Compostela, Cervo, Mos ou Brión. 



Compartir contido