17/09/2019.

A importancia de coñecerse a unha mesma

Diana chegou a Saúde Mental FEAFES Galicia fai aproximadamente un ano, cando foi derivada dende a Unidade de Saúde Mental de Ourense. Por aquel entón non coñecía a entidade, así que non tiña ningunha expectativa sobre o que podería atopar nela. “Estaba un pouco perdida e non sabía nin onde ía, nin por onde tirar, nin que quería... non sabía, en realidade, se quería algo”, recorda.

Cando entrou en contacto cos profesionais da delegación ourensá de FEAFES, estes consideraron axeitado que Diana participase no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade. Este programa, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, busca mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas.

Un ano despois, Diana recoñece que a súa situación mudou radicalmente. “Fixen cousas; logrei cousas. Por exemplo, estudei. Fixen un Técnico Superior en Axencia de Viaxes e Xestión de Eventos. Foi algo que me custou moito pero pouco a pouco fun sacándoo. E non só estudei, senón que teño ganas de seguir estudando e formándome tanto academicamente como laboralmente”. Proximamente, engade, quere cursar outro Técnico Superior en Xestión de Aloxamentos Turísticos.

Diana opina que saber nunca está de máis. Máis alá dos coñecementos que se interiorizan nos cursos, recoñece que a formación tamén fomenta a relación cos demais e permite poñer a proba as súas capacidades cada día. “Iso é moi bo, saber ata onde podes chegar e coñecerse a unha mesma”, afirma.

Unha cuestión fundamental que permitiu a Diana atoparse mellor consigo mesma foi coñecer e comprender a súa enfermidade, o cal traballou no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade. “Cando che din por primeira vez que tes unha enfermidade mental, tómalo moi mal... e non só ti, senón que o calas un pouco porque non queres que a sociedade che xulgue nin che sinale. Agora vexo que podemos vivir con iso, que non somos bichos raros, que somos persoas como calquera outra, que temos as mesmas oportunidades, as mesmas capacidades, e que podemos saír adiante”, afirma con rotundidade. 

Por iso, Diana anima a que calquera persoa que estea pasando por un momento complicado debido á súa saúde mental busque axuda. “Poñerse en mas de profesionais é o mellor que podemos facer”, sostén. “Eu agora sei cara onde vou, ou polo menos é o que intento, porque non sempre se está ben de todo pero si que quero tirar para adiante e chegar a algo”, reflexiona.

Cando pensa nos seus plans de futuro, Diana comenta que lle gustaría seguir estudando e conseguir un traballo estable. Ademais do aspecto económico, o traballo aporta “realización persoal, permite sentirse útil... e iso é unha satisfacción”. Ela conta que das súas experiencias laborais ten sacado cousas moi positivas: “Fixen practicamente de todo, e cousas que ao mellor eu pensaba que non podía facer, como falar coa xente sen coñecela de nada para ofrecerlle algo. Eu non contaba con esa capacidade... e, porén, traballei de azafata. Relaciónome moi ben coa xente e falo con todo o mundo”, cóntanos.

Para afrontar os seus retos de futuro, Diana sinte moi cerca o apoio dos técnicos de Saúde Mental FEAFES Galicia. “Como sempre, queda moito por facer, pero o camiño é perfecto. Eu dende que cheguei a FEAFES sentinme ben recibida, sentín que calquera aspecto, calquera problema ou dúbida que teño, resólvenma sen problema. Sempre hai cousas por mellorar, pero creo que o camiño é perfecto. Eu polo menos sentino así”, conclúe.


Compartir contido