28/02/2018.

APEM estrea horta en Carballo

Esta semana, APEM estivo a dar os primeiros pasos para iniciar labores de horticultura e xardineiría no terreo leste do seu centro de Carballo, na avenida Cristina. Tras un tempo de planificación e preparación, este proxecto sae á luz coa ilusión de que traia tras de si un longo percorrido.

APEM iniciou a andaina hortícola con varias formacións teóricas impartidas polo colaborador da asociación Marco, onde os usuarios aprenderon nocións sobre horticultura e compostaxe. Esta formación completouse con outras máis específicas, como a impartida o pasado sábado por técnicos do Concello e Sogama sobre vermicompostaxe, na cal os alumnos recibiron material para criar miñocas e obter humus. 

Continuaron con medicións do terreo para levantar os bancais e proceder ao seu recheo, así como deseñar unha axeitada distribución das distintas variedades de plantas, flores e árbores frutais que teñen previsto plantar. Os compañeiros de APEM tratarán de facer unha horta sinérxica entre todos.

Durante todo este proceso, na asociación fixéronse a seguinte pregunta: como pode unha horta ecolóxica axudar a mellorar a saúde dos usuarios? Partiron de premisas amplas como integrarse máis no medio rural e concienciar sobre a importancia de hábitos de consumo saudables, pero, sobre todo, pensaron que as tarefas necesarias para este traballo, unidas ao esforzo físico e á necesidade de traballar en equipo, potencian as capacidades cognitivas, a socialización e a relación destas persoas co medio.

A todo iso úneselle a satisfacción de traballar sobre un terreo totalmente ermo e poder ver que co paso do tempo, os resultados son visibles. Ademais, é posible que algún dos horticultores de APEM adquiran destrezas suficientes como para rematar, nun futuro, nalgún proxecto de integración laboral.

Vía APEM.


Compartir contido