27/06/2018.

ASOREL fomenta a inserción laboral de persoas con enfermidade mental



A presidenta da Asociación Provincial de Empresarios de Limpezas de Edificios e Locais de Ourense (ASOREL), Concepción López Vázquez; a técnico de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia, Patricia Gómez Salgado; o director de Área de Negocio de CaixaBank, Fernando Garza, e Jesús Deibe Fernández Simo en representación da coordinación do Grupo Incorpora Galicia, asinaron hoxe un acordo que ten como obxectivo fomentar a integración laboral de persoas con especiais dificultades para acceder a un posto de traballo e promover accións de responsabilidade social corporativa no marco do programa Incorpora de "la Caixa".

Desde o ano 2006, a Obra Social "la Caixa" fomenta, co programa Incorpora, o acceso ao mundo laboral de persoas en situación ou risco de exclusión, como parados de longa duración, ex reclusos, mozos en situación de vulnerabilidade, inmigrantes, vítimas de violencia de xénero e persoas con enfermidade mental, entre outros colectivos.

ASOREL colaborará con Incorpora mediante o fomento da contratación e formación de persoas pertencentes a colectivos en situación de vulnerabilidade e co impulso de accións concretas no ámbito da responsabilidade social empresarial coas empresas que forman parte da asociación.

Pola súa banda, Incorpora prestará información e asesoramento especializado sobre subvencións e axudas á contratación e á creación de emprego para persoas con especiais dificultades de inserción. 

Este programa facilitou 204 postos de traballo a persoas vulnerables en Ourense ao longo de 2017. Isto foi posible grazas á implicación de 117 empresas locais neste proxecto de responsabilidade social corporativa e á colaboración de cinco entidades sociais (Cruz Vermella Ourense, APES, COGAMI, Saúde Mental FEAFES Galicia e Igaxes), que son as encargadas de desenvolver Incorpora na provincia. 

Os técnicos de inserción, figura clave

A principal achega de Incorpora é que expón un concepto innovador da integración laboral de persoas en risco ou situación de exclusión, xa que reúne nun mesmo modelo a rede de entidades sociais e a rede solidaria de empresas no marco da responsabilidade social empresarial.

Isto non sería posible sen a contribución dos técnicos de inserción laboral, unha figura clave de Incorpora. Entre as tarefas do insertor destacan a prospección de empresas, o seguimento do proceso de formación do beneficiario e o acompañamento laboral da persoa inserida.

Servizo gratuíto de asesoramento en RSC

Incorpora ofrece ás empresas un servizo gratuíto de asesoramento e acompañamento en accións de responsabilidade social corporativa, neste caso centradas na integración laboral de persoas en situación de vulnerabilidade.

A consolidación do proxecto, mesmo na actual conxuntura económica, pon de manifesto que, a través deste programa, as empresas atopan unha vía para contribuír á mellora da súa contorna máis inmediata. Isto permítelles, ademais, contribuír a paliar, na medida das súas posibilidades, unha das problemáticas sociais que máis preocupan aos cidadáns: o paro.

Sobre ASOREL

A Asociación de Empresarios de Limpeza de Edificios e locais de Ourense (ASOREL), constituíuse en setembro de 1978, sendo unha das asociacións fundadoras da Confederación Empresarial de Ourense, entidade na que estivo integrada desde a súa creación.

ASOREL é unha asociación sectorial que representa e defende os intereses das empresas de limpeza da provincia ourensá. Ademais de participar na negociación do convenio colectivo sectorial, promove a impartición de cursos de formación para os traballadores do sector, a fin de perfeccionar os seus coñecementos tanto en técnicas como en produtos, conscientes da importancia que ten a formación en calquera actividade profesional.

ASOREL, reivindica o protagonismo das súas empresas e dun sector que en ocasións é  minusvalorado. Ademais, ASOREL presta ás súas empresas asociadas, un servizo de asesoramento integral, por medio dos servizos de formación e asesoramento da Confederación Empresarial de Ourense.
Compartir contido