13/11/2019.

Achegámonos á fin do Programa de Inclusión Social

O 30 de novembro remata o proxecto “Inclusión Social: Atención Integral a Persoas con Discapacidade por Enfermidade Mental”, que está cofinanciado pola Consellería de Política Social, o Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020.

Tras ano e medio de traballo para mellorar a inclusión sociolaboral de persoas con problemas de saúde mental, tratamos de dar resposta á situación das 110 persoas que participaron no programa, atendendo as súas necesidades e demandas específicas individuais e facilitándolles o apoio e acompañamento social que precisan para unha correcta inclusión e reinserción sociolaboral.  

O Programa de Inclusión Social, que comezou en xullo do 2018, contou con dúas liñas de actuación: os itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social e con enfermidade mental, nos que participaron 30 persoas das delegacións de A Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra; e os itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas con enfermidade mental, dirixidos a 80 participantes das delegacións de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Con este programa tratouse de dar cobertura a un perfil de persoas con problemas de saúde mental heteroxéneo e complexo en canto á procedencia, idade ou problemáticas (mulleres, tutelados, persoas sen fogar, persoas en grave risco de exclusión social...), onde foron necesarias estratexias de afrontamento innovadoras e creativas adaptadas á nova realidade da exclusión social.

Deste xeito, este proxecto permitiu mellorar a empregabilidade dos participantes demandantes de emprego e, en consecuencia, mellorar a súa integración social. Ademais, favoreceu o coñecemento sobre as distintas fases do proceso de busca de traballo e a adquisición dos coñecementos e habilidades necesarias para superalo exitosamente, do mesmo xeito que se ofreceu apoio e asesoramento na súa incorporación ao mercado laboral.

Durante o transcurso do programa tamén se realizaron accións de orientación e asesoramento, adestramento para a busca de emprego, intermediación laboral e apoio para o mantemento do posto de traballo.

En definitiva, o Programa de Inclusión Social tratou de ofrecer oportunidades a persoas con problemas de saúde mental en situación de exclusión severa ou en risco de exclusión, que son as que teñen mais dificultades para lograr unha inclusión plena na comunidade.




Compartir contido