23/06/2017.

Afaes Porta Nova cambia de nome e imaxe

A Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais (Afaes) Porta Nova ven de realizar un cambio de nome seguindo a tendencia marcada nos últimos anos pola Confederación Salud Mental España e por Saúde Mental FEAFES Galicia. O nome elixido manterá a demarcación territorial da área sanitaria na que traballa pasando a denominarse Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal

O obxectivo deste cambio é remarcar a positividade do traballo da asociación, que se basea na defensa da saúde mental en diferentes ámbitos como o social, o educativo, o sanitario ou o legal. Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal quere transmitir os seus valores dende un enfoque máis inclusivo que reflexe mellor o enfoque da súa labor.

Ademais, o cambio de nome veu acompañado dunha renovación da imaxe corporativa, substituíndo o antigo logotipo por unha nova imaxe máis dinámica, fresca e positiva. O novo logo foi deseñado por un usuario da asociación e adaptado para a súa utilización nos diversos materiais e soportes da asociación.

22 anos pola saúde mental

Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal naceu en 1995 impulsada por un grupo de persoas da comarca que decidiron formar una asociación para promover o benestar das persoas con problemas de saúde mental na área sanitaria de Ferrol, contando para elo coa colaboración dun grupo de profesionais deste ámbito.

Actualmente, a asociación conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial en Narón e outro en Cerdido, un Centro Ocupacional en Narón e varios pisos protexidos no mesmo municipio.  Nestes dispositivos desenvólvense actividades que promoven a saúde e o benestar das persoas con problemas de saúde mental, a súa recuperación psicosocial e laboral, a integración dos usuarios no seu entorno e o apoio aos familiares e achegados mediante axuda mutua, xestión de recursos e soporte social.

Compartir contido