27/01/2017.

Agricultura ecolóxica e lavandería en AFAES Porta Nova

A Asociación de Familiares, Amigos e Persoas con Enfermidade Mental, AFAES Porta Nova, comeza a impartir dúas accións formativas subvencionada pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social e cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo no seu obxectivo 9 “Promover a Inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”, en base as axudas reguladas na Orde 26 de abril de 2016 para os anos 2016 e 2017 (DOG nº 86, do 6 de maio de 2016).

Trátase de dous cursos: o primeiro de “Lavandería e limpeza de inmobles” de 180 horas que comezou o  20 de xaneiro e que se prolongará ata o 24 de marzo, e o outro  de “Agricultura Ecolóxica” de 140 horas que comezou o 23 de xaneiro e que se prolongará ata o 2 de marzo. Para estes cursos foron seleccionadas 8 e 10 persoas respectivamente, derivadas polo Plan de Inclusión de Galicia a través do Equipo Comarcal de As Pontes e usuarios de AFAES Porta Nova. 

As clases prácticas do curso de lavandería faranse nas instalacións da lavandería do Centro Ocupacional de AFAES, mentres que as prácticas externas con monitor desenvolveranse, como en anos anteriores, na Residencia Geriatros Narón. As clases prácticas correspondentes ao curso de agricultura ecolóxica serán na finca sita en Os Vicás, Narón, e as prácticas externas realizaranse na explotación AGRONUQUEL, S.L. de Neda.

As accións formativas serán impartidas, nos contidos específicos, por profesionais do Centro Ocupacional  AFAES Porta Nova, contando coa colaboración de dous técnicos do Plan de Inclusión de Galicia - Equipo Comarcal de As Pontes para impartir os módulos transversais. 

  
Compartir contido