30/06/2019.

Alba fai doblete na Liga e a Copa de Balompé



Este sábado 29 de xuño, o Pavillón de Fontiñas acolleu o XIII Campionato de Balompé “Todos polo fútbol” celebrado en Santiago de Compostela. Nel congregáronse xogadores, monitores e familiares que non quixeron perderse esta cita, que dende fai anos ocupa un sitio destacado nas axendas das asociacións participantes.

Ás 10:00 comezaron os primeiros encontros entre os distintos equipos, que confluíron a última hora de mañá nas semifinais disputadas entre FEAFES Santiago e Lenda (Redondela) por un lado, e Alba (Pontevedra) contra Morea (O Barco de Valdeorras) por outro. Finalmente, foron Lenda e Alba quen conseguiron chegar á final, alzándose o equipo pontevedrés como campión do XIII Campionato de Balompé “Todos polo fútbol”.

Ademais da Copa, nesta xornada deportiva disputouse tamén a final da Liga de Saúde Mental FEAFES Galicia entre o campión do Grupo A e o campión do Grupo B, que resultaron ser, novamente, as asociacións Alba e Lenda. Os de Pontevedra fixéronse unha vez máis co partido e conseguiron proclamarse tamén campións de Liga.

Tras os encontros, tivo lugar a entrega de premios, onde estivo presente o presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón. Os catro equipos que encabezaron a clasificación recolleron os seus galardóns: FEAFES Santiago, Morea, Lenda e Alba. A maiores, todos os xogadores recibiron unha medalla pola súa participación na competición.

Os equipos de Doa (Cangas e Vigo), Lar (Vilagarcía), FEAFES Lugo e FEAFES Vigo completaron o cadro de competición deste torneo, ademais de contar coa presenza nas gradas da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal que acudiu para animar aos equipos participantes.

Deporte e saúde mental

O evento, organizado polo departamento de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, o movemento asociativo amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con problemas de saúde mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.

As actividades de ocio e deporte axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e dos seus achegados, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.
Compartir contido