16/10/2019.

Albores convoca o certame de fotografía Fotoxénica-mente III

Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental 2019, a asociación Albores Saúde Mental, convoca o seu III Certame de Fotografía Fotoxénica-mente III. O concurso ten como obxectivo provocar unha reflexión na sociedade coa finalidade de atenuar os mitos e estereotipos que impiden que as persoas con problemas de saúde mental acaden unha inclusión social plena en todos os ámbitos.

As opinións e crenzas erróneas que a poboación ten acerca destas persoas van construíndo un discurso discriminatorio. A discriminación no seu grao máis alto supón a exclusión, a marxinación e a confinación a determinados espazos das persoas con estas problemáticas. Por tal motivo, só se aceptarán aquelas fotografías que se afasten da visión estigmatizante dos problemas de saúde mental e contribúan á eliminación de falsas crenzas, mitos e estereotipos.

Nesta ocasión, as fotografías terán que ver co tema “Conecta coa Vida”, lema adoptado para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental 2019. Este tema foi elixido porque a Organización Mundial da Saúde (OMS) reivindica que os gobernos poñan máis medidas para previr e abordar o suicidio, xa que supón un dos problemas máis graves de saúde pública que por ser un tabú cultural segue a estar invisibilizado. No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos e Galicia é a segunda comunidade autónoma de España con máis persoas afectadas.

Ao igual que os dous últimos anos, co resultado do concurso realizarase unha exposición itinerante arredor da cal se realizarán actividades informativas e de sensibilización ao longo do ano. Desta vez, seguindo o lema “Conecta coa vida”, a exposición percorrerá distintos centros sanitarios e realizaranse accións dirixidas ao público xeral e ao persoal sanitario e social. 

As persoas interesadas en participar no certame poderán presentar ata tres fotografías cada unha. O prazo para presentalas rematará o 18 de novembro de 2019 ás 14:00. Os galardoados recibirán unha dotación económica de 200€ o primeiro premio, 75€ o segundo premio e 25€ o terceiro premio. 

Pódense consultar as bases do certame aquí.


Compartir contido