21/11/2019.

Alfabetización dixital para a busca de emprego

O pasado 14 de novembro, un grupo de 6 persoas con discapacidade que se atopan en situación de desemprego, participaron nun obradoiro de alfabetización dixital en Cee no marco das actividades de Información, Orientación e Asesoramento para a Busca de Emprego que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia. 

Esta formación, financiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Servizo Público de Emprego de Galicia, pretende capacitar aos demandantes de emprego para que sexan capaces de empregar as novas tecnoloxías como unha ferramenta útil no seu proceso de inclusión sociolaboral, favorecendo así a adquisición de destrezas básicas na utilización de programas informáticos.

Deste xeito, os participantes no obradoiro aprenderon unha serie de nocións básicas sobre o manexo do ordenador e os procesadores de texto, do mesmo xeito que se adentraron no coñecemento da Internet e o uso do correo electrónico.

Dende Saúde Mental FEAFES Galicia, cada ano ofrécense máis de 25 accións grupais deste tipo, que facilitan o aumento da empregabilidade das persoas demandantes de emprego con problemas de saúde mental a través da adquisición de ferramentas que faciliten a busca de emprego. 


Compartir contido