24/05/2017.

Alume sobe ao podio na carreira do Colexio Cervantes

Como xa é tradición, a asociación lucense acudiu a semana pasada á carreira solidaria organizada polo Colexio Cervantes e a súa ANPA. Un total de trinta persoas da entidade, entre elas 24 usuarios do centro e 6 familiares e traballadores, participaron na carreira “Lóstregos – Penarubia” para persoas con diversidade funcional, que este ano cumpre a súa terceira edición e en cuxa organización tamén participa o Club Montepenarubia Lugo.

Trátase dunha proba que vai crecendo ano a ano, alcanzando nesta ocasión 75 participantes das entidades Alume, Cogami, Aspnais, San Vicente de Paul, FEAFES e Santa Marina. De todos eles, Alume fíxose co podio: Anxo logrou o primeiro posto, Marcos, campión da edición anterior, alzouse co segundo premio e Carlos conseguiu o bronce. Sandra, ademais, foi a primeira en chegar á meta das mulleres participantes.

A entrega de premios correu da man do Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e a Concelleira de Servizos Sociais, Ana Abelleira. Cabe destacar, ademais, que os trofeos entregados foron realizados no taller de cerámica de Alume, participando na súa elaboración dous dos gañadores. A carreira estivo presentada polo profesor e adestrador de atletismo Felipe Barata, e contou tamén coa presenza da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e outras autoridades municipais. 

Ademais de participar na carreira “Lóstregos – Penarubia”, outros usuarios de Alume correron na carreira xeral, na cal, de entre os 300 participantes que había, lograron chegar entre os 40 primeiros, demostrando así a calidade dos deportistas da asociación.

A maiores das carreiras, Alume tamén contou cunha caseta na que expuxo o traballo realizado nos seus talleres artesanais, xunto a Cogami, Unidos contra o Cancro e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas. Desde a asociación queren agradecer ao Club Montepenarubia Lugo e ao Colexio Cervantes por contar sempre con eles para este evento.

Vía Alume



Compartir contido